O director da Agacal participou esta mañá na xornada de presentación de resultados do experimento galego FIE 23, no marco do proxecto europeo SmartAgriHubs

A Xunta pon de relevo os avances para a mellora da produción láctea conseguidos ao abeiro dun proxecto galego liderado polo CIAM

En concreto, trabállase na eficiencia para a produción de forraxe, na mellora do uso dos recursos das explotacións, na monitorización e no manexo das operacións e condicións nas cortes e na toma de decisións integrando múltiples fontes de datos

O obxectivo final é poñer a disposición dos gandeiros e cooperativas produtos e servizos que os axuden a aumentar a rendibilidade das súas granxas de vacún de leite

No proxecto liderado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo tamén participa o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, a empresa Gradiant e as pemes Monet Viticultura, Seragro, Elmega, 3edata e Alltech Spain
 

Castro de Rei (Lugo), 8 de setembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, participou esta mañá na inauguración da xornada de presentación de resultados e de actividades de demostración do experimento galego FIE 23, coordinado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ao abeiro do proxecto SmartAgriHubs, que persegue mellorar a cadea temperá de produción láctea. En concreto, esta iniciativa europea busca incidir na produción de forraxes, na mestura e manexo de alimentos, nas operacións en cortes e na xestión da información da explotación, aproveitando os beneficios que aportan as tecnoloxías dixitais e de datos.


Na súa intervención, o director da Agacal puxo de relevo que no marco do experimento galego se levaron a cabo accións novidosas como a utilización de imaxes multiespectrais procedentes de voos con drons e sensorización para predicir o rendemento e calidade de forraxes como o millo, contribuíndo á detección temperá de estrés nos cultivos. José Luis Cabarcos aproveitou para lembrar que a Axencia que dirixe vén de resolver as axudas de 2021 para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, nos ámbitos agrario, agroalimentario e forestal. En concreto, contabilízanse unha vintena de beneficiarios de preto de 2,25 millóns de euros en achegas e entre os proxectos destacan os do sector lácteo, con iniciativas de novas tecnoloxías para a estimación das emisións de metano das vacas de leite, de valorización da tona de soro mediante a produción de manteiga premium ou de posta en valor do soro do queixo para o desenvolvemento de novos produtos.


Cómpre apuntar que, ademais de coordinar o experimento FIE 23 (Data-Intensive Dairy Production), o CIAM participa e asesora nas actividades que se levan a cabo proporcionando, ademais, apoio loxístico coas súas parcelas e instalacións experimentais. Nesa liña, cabe lembrar que este Centro depende da Agacal, que aglutina a investigación e desenvolvemento tecnolóxico no sector agroalimentario e forestal, así como a protección da calidade diferencial dos produtos agroalimentarios galegos.


En concreto, no marco do FIE 23 búscase integrar as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia na produción de forraxe e o uso dos recursos propios das explotacións agrícolas, incrementar o rendemento da produción animal a través da optimización das condicións de cultivo e aumentar a sostibilidade do proceso. Así mesmo, apóstase por mellorar o uso dos recursos naturais, a monitorización e o manexo das operacións e condicións nas cortes, así como a toma de decisións mediante a integración de múltiples fontes de datos. Tamén se traballa para probar e demostrar a dispoñibilidade dos produtos e servizos mellorados en condicións reais.


Este proxecto é un dos 28 pilotos europeos de SmartAgriHubs e está integrado unicamente por entidades galegas: a Agacal a través do CIAM, o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a empresa Gradiant e as pemes Monet Viticultura, Seragro, Elmega, 3edata e Alltech Spain. Así, as innovacións desenvolvidas no marco do FIE23 poderán pasar a formar parte da oferta de produtos e servizos destas pemes participantes no experimento, que logo os poderán ofrecer aos usuarios finais, é dicir, a gandeiros e cooperativas para que poidan incrementar a rendibilidade das súas granxas de vacún de leite.


O sector lácteo, de grande importancia en Galicia, enfróntase a grandes retos a nivel global, entre eles o da modernización e dixitalización. Nese senso, cabe lembrar que está en marcha a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que recolle medidas neste eido a aplicar tanto na produción, na industria e nos mercados, como na cadea de valor do leite e na formación e innovación.


Xornada de demostración


A xornada de presentación de resultados do experimento galego FIE 23 está a desenvolverse na nova granxa experimental Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea. Na sesión organizáronse dúas mesas redondas para analizar o reto da modernización e dixitalización do sector agrogandeiro coa participación do xefe da área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Agacal, Manuel López Luaces, e de expertos neste campo como o investigador do CIAM César Rech.


Xa pola tarde, continuarán as actividades demostrativas a cargo de distintas empresas dirixidas a gandeiros, alumnos e técnicos do sector agrario.
 

Imaxes relacionadas