A Xunta impulsa en Santiago un curso de formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida

Programada pola Agacal, a acción ten previsto desenvolverse en horario de tarde os días 13 e 15 de setembro, no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela de Lamas de Abade

A iniciativa constará dunha parte teórica que se centrará na identificación das características ou das calidades dos sabores, aromas e regustos dos queixos, e doutra práctica, na que se aplicarán os coñecementos previamente adquiridos

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso de formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP). A acción formativa está programada para os días 13 e 15 de setembro no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela de Lamas de Abade, en horario de 16:00 a 21:00 horas.

O obxectivo principal deste curso é continuar coa formación na análise sensorial dos queixos galegos con DOP, polo que se dirixe especialmente a todos aqueles que asistiron á formación inicial ao respecto ou que xa teñen nocións no eido.

De todos os xeitos, o curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Así, ao longo das 10 horas de formación, a acción combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica abordaranse temas como a identificación das características ou das calidades dos sabores, aromas e regustos dos queixos. Mentres, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos ensinando aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Nesta páxina precisamente pode atoparse o referido curso de Santiago e descargar as solicitudes de asistencia pertinentes, que deben enviarse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en consultar calquera dúbida poden informarse chamando ao teléfono 881997279.

Imaxes relacionadas