A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08,30 h de hoxe
Á espera de novas medicións coa luz do día, a superficie afectada polo lume de Ribas de Sil-Ribas de Sil, que tamén afecta os concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón, supera as 900 hectáreas
Neste incendio segue decretada a Situación 2, como medida preventiva
Segue activo o outro lume iniciado o pasado domingo neste mesmo municipio, na parroquia de Nogueira, que afecta unha superficie provisional de 140 hectáreas
Permanece tamén activo o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo), que afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08,30 h de hoxe.
Ribas de Sil
Á espera de novas medicións coa luz do día, a superficie afectada polo lume iniciado en Ribas de Sil (parroquia homónima), que tamén afecta os municipios de Quiroga e A Pobra do Brollón, supera as 900 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Neste lume continúa decretada a Situación 2 como medida preventiva, unha situación operativa declarada inicialmente pola proximidade do lume ao núcleo de Rairos e que se mantén por precaución.
Este lume comezou ás 12,47 h de onte e permanece activo arestora. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 7 técnicos, 17 axentes, 49 brigadas, 22 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén se incorporaron ao longo da noite medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Permanece tamén activo o lume iniciado ás 21,42 h do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 33 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.
Chandrexa de Queixa
Continúa tamén activo desde as 11,38 h de onte o lume no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afecta segundo as últimas estimacións unha superficie de arredor de 50 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 11 axentes, 31 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.