Conde pon Inoxidables de Rábade como exemplo de empresa que cre na mellora constante de produtos, procesos e servizos a través da innovación

Inoxidables de Rábade está a desenvolver un plan de investimentos a tres anos que ascende a 8M€ aos que a Xunta achega 1,3M€

Salienta que hai que recoñecerlle este esforzo polo impacto que ten á hora de favorecer o desenvolvemento industrial da comarca de Lugo, ao exercer un efecto tractor sobre o tecido industrial aí asentado
 

Outeiro de Rei (Lugo), 6 de setembro de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Outeiro de Rei (Lugo) as instalacións de Inoxidables de Rábade, pertencente ao Grupo Irestal, que puxo como exemplo de empresa que cre na mellora constante de produtos, procesos e servizos a través da innovación.

Inoxidables de Rábade está a desenvolver un plan de investimentos a tres anos que ascende a 8M€ aos que a Xunta achega 1,3M€ a través da liña de préstamos participativos de Xesgalicia. O obxectivo de aumentar a capacidade produtiva un 17%, incrementar as exportacións un 25% máis, incorporar novas tecnoloxías e consolidar emprego na planta, onde traballan medio cento de persoas. Neste sentido, Conde salientou que hai que recoñecerlle este esforzo polo impacto que ten á hora de favorecer o desenvolvemento industrial da comarca de Lugo, ao exercer un efecto tractor sobre o tecido industrial aí asentado.

Segundo apuntou o vicepresidente económico, é unha empresa que opera nun mercado tan internacionalizado como diverso; é dicir, exporta máis do 54 por cento da súa produción e subministra a distintos sectores como o químico, a automoción, o sanitario, no ámbito dos intercambiadores de calor e, ultimamente, está entrando no sector da enerxía termo solar.

Ademais, Conde sinalou que se trata dunha empresa que aposta pola innovación e a eficiencia como fórmula para gañar en competitividade, algo que a Xunta está promovendo no conxunto do tecido industrial galego para que afronte con éxito a transición ecolóxica e dixital. Nese sentido, destacou que a nova Estratexia de Internacionalización de Galicia centra todos os apoios na dixitalización e a diversificación de mercados para acadar os 25.000M€ anuais en exportacións no 2025.
 

Imaxes relacionadas