O grupo de traballo galego da PAC constata o avance na negociación grazas ao impulso da Xunta e reitera a demanda de atención para o norte nos ecoesquemas

Entre os logros acadados por Galicia salienta o compromiso do MAPA de regularizar a superficie da nosa comunidade con dereitos de axuda da Política Agraria Común ou o incremento das achegas asociadas ao vacún de leite

Tamén se puxo en valor o feito de que Galicia foi quen de manter a súa asignación de fondos e non baixala nin un euro, agardando mesmo mellorar esta posición na negociación dos ecoesquemas

Precisamente, nesta reunión animouse ás organizacións profesionais agrarias a que fixesen a súa valoración (e que mesmo trasladasen as súas achegas) ás demandas que está formulando a Cornixa Cantábrica en relación aos ecoesquemas
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe a reunión telemática do Grupo de Traballo de Galicia sobre a PAC, na que se avaliaron as últimas novidades sobre o Plan Estratéxico nacional que se está a definir nunha rolda de negociacións entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

Neste órgano, creado pola Xunta para fixar e defender a postura galega con respecto á aplicación da Política Agraria Común, están presentes distintos departamentos do Goberno autonómico, ademais dos representantes do sector agrario -entre eles de Unións Agrarias e do Sindicato Labrego Galego- e da Universidade. Precisamente, nesta reunión do Grupo de Traballo animouse ás organizacións profesionais agrarias a que fixesen a súa valoración (e que mesmo trasladasen as súas achegas) ás demandas que está formulando a Cornixa Cantábrica en relación aos ecoesquemas.

Na xuntanza de hoxe constatáronse os avances na negociación por parte galega, que se materializaron, entre outros logros -conseguidos grazas ao impulso da Xunta-, no de acadar o compromiso do MAPA de regularizar a superficie da nosa comunidade con dereitos de axuda da PAC ou no incremento das achegas asociadas ao vacún de leite. No primeiro caso, trátase dunha reclamación histórica que foi referendada por parte do Ministerio na última Conferencia Sectorial celebrada en xullo pasado. Desta forma, permitirase que agricultores e gandeiros galegos poidan percibir axudas por terreos elixibles (aqueles declarados) que ata o de agora non cobraban.

Esta medida abrangue unha importante superficie agrícola en Galicia, dunhas 165.000 hectáreas (para un total, no conxunto de España, de 620.000 hectáreas), e permitirá que Galicia deixe de ter un diferencial negativo de ata 30 puntos porcentuais respecto da media nacional canto a superficie con dereitos. Así, esta regularización suporá un 30% adicional á superficie que actualmente cobra as axudas da PAC. Isto, xunto cos instrumentos que define a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, suporá un importante impulso no incremento da superficie agraria útil da nosa comunidade, segundo destacou o conselleiro tras o encontro de hoxe.

En relación coas axudas asociadas, Galicia tamén conseguiu un aumento considerable nas axudas asociadas ao vacún de leite, que para o conxunto do Estado ascenderá a máis de 28 millóns de euros anuais para o novo período. Esta cifra repartirase entre as diferentes autonomías e Galicia verase beneficiada, tendo en conta o seu peso neste sector, cuns 11,8 millóns de euros anuais de incremento.

Mellora nos ecoesquemas

Por outra banda, neste encontro do Grupo de Traballo tamén se puxo en valor o feito de que Galicia foi quen de manter a súa asignación de fondos e non baixala nin un euro, agardando mesmo mellorar esta posición na negociación dos ecoesquemas. En relación con este último aspecto, a nosa comunidade -e o resto das da Cornixa Cantábrica- agardan que o MAPA atenda as súas demandas, no sentido de facer efectiva unha maior adaptación destas axudas ambientais á realidade da España húmida.

Neste sentido, os territorios cantábricos agardan que na xuntanza bilateral co Ministerio se avance nestas cuestións. Lembremos que a Xunta solicitou esta reunión porque polo de agora o MAPA non recolleu as peticións destes territorios en relación coa definición e aplicación dos ecoesquemas.
 

Imaxes relacionadas