A Xunta apoia un ano máis a Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Grupo Terras Gauda, José Mª Fonseca Moretón, ratificaron hoxe o acordo para a creación dun concurso con Turismo de Galicia ao que acceden os finalistas e premiados da Bienal, entre os que se escollerá a imaxe que promocionará as dúas próximas edicións das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño

Alfonso Rueda destacou que esta iniciativa que combina o enoturismo coa arte contribúe á promoción no exterior do Xacobeo 21-22 e de Galicia como destino seguro e de calidade

Vigo, 6 de setembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou hoxe co presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, o acordo para a creación dun concurso con Turismo de Galicia ao que concurren os 40 finalistas e premiados da Bienal Internacional Concurso Francisco Mantecón, que este ano acada a súa XV edición. Desta forma, a Xunta apoia o certame e ten a posibilidade de acceder a unha selección de profesionais de primeiro nivel a través dun concurso dotado con 10.000 euros -en dous premios de 5.000 euros- para os orixinais que mellor encaixen na promoción das XI e XII Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia.
No acto de hoxe tamén se presentaron os detalles da nova Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón, unha das grandes citas bianuais na vangarda artística de maior prestixio a nivel mundial, que desde a súa primeira edición de 2002 recibiu máis de 18.000 carteis de deseñadores de 100 países. Nesta ocasión, o prazo para presentar as obras será ata o 28 de febreiro de 2022 e tódolos traballos participantes exporanse durante un mes na Estación Marítima de Vigo. Á presentación tamén acudiron a delegada territorial da Xunta en Vigo e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña.
Alfonso Rueda destacou que esta actuación contribúe á promoción do Xacobeo e de Galicia como destino seguro e de calidade no exterior. Así, sinalou que precisamente ese turismo tranquilo e de calidade foi o que permitiu que neste verán o turismo nacional se decantase pola comunidade galega, aonde chegaron en xullo un 80% máis de viaxeiros que en 2020.
Como exemplo de turismo de calidade referiuse ao enoturismo pola súa capacidade para diversificar e desestacionalizar a oferta turística ofrecendo experiencias personalizadas que cada vez suscitan máis interese entre os viaxeiros. Nesta liña, incidiu nesta combinación gañadora entre o enoturismo e a arte para que os artistas premiados e finalistas da Bienal opten a ser imaxe das próximas dúas edicións das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia.
Estas xornadas de portas abertas desenvólvense desde a Xunta en colaboración coas cinco asociacións das rutas dos viños galegas e reúnen a numerosos interesados no mundo do viño que desfrutan de visitas e todo tipo de actividades lúdicas vinculadas á viticultura co obxectivo de fomentar o turismo das zonas das cinco denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas de Galicia.
O vicepresidente primeiro enxalzou a implicación de todos os artistas participantes en cada edición e a súa creatividade para interpretar os viños galegos que, xunto coa nosa gastronomía, son uns dos mellores embaixadores da comunidade no exterior.

Imaxes relacionadas