A Xunta organiza dende este venres no CFEA de Guísamo un curso sobre talla, tronzado e decotado de árbores e sobre mantemento de motoserra

Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a iniciativa está previsto que se desenvolva ata o sábado 18 de setembro

Entre outras cuestións, tratarase como incrementar a seguridade dos usuarios das motoserras, así como as posibilidades profesionais dos traballadores forestais dentro e fóra de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza esta semana no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo un curso sobre técnicas básicas de talla, tronzado e decotado de árbores, así como de mantemento de motoserra. A iniciativa está previsto que se desenvolva entre o vindeiro venres 10 de setembro e o sábado 18.
Os obxectivos fixados para esta acción formativa son incrementar a seguridade e a saúde dos usuarios de motoserra, dignificar e profesionalizar o sector forestal apostando pola aprendizaxe continua, favorecer a mobilidade dos traballadores forestais a nivel europeo e, nese contexto, estandarizar as cualificacións profesionais vinculadas coa motoserra.
Deste xeito, o programa contempla contidos sobre como previr os riscos xerais nos traballos forestais, sobre a motoserra e o seu manexo, sobre a talla e decotado de árbores, así como sobre a medición, tronzado e amoreado dos pés. A maiores, falarase do emprego do tráctel en operacións especiais de talla, sobre situacións de risco como as árbores apoiadas noutras ou as zonas de corta con presenza de liñas eléctricas de alta tensión e sobre as cuestións a ter en conta á hora de efectuar o mantemento das motoserras.
Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico vicente.manso.fuentefria@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto co coordinador do curso no teléfono 881881047.