O conselleiro do Medio Rural visitou este domingo o mercado de Ribadeo e unha explotación de vacún de carne

A Xunta avanza na Estratexia da carne para impulsar este sector primordial do noso agro mediante o fomento da produción e do consumo

José González destacou que esta nova Estratexia virá seguir os pasos das que xa están en marcha para o sector lácteo e o do viño

Lembrou que o Goberno galego sempre estivo ao carón do sector primario -fundamental durante a pandemia- activando a rede Mercaproximidade ou concedendo axudas directas a sectores especialmente afectados como o do vacún de carne

Engadiu que a Xunta está traballando na creación dos mercados singulares, en localizacións emblemáticas, para prestixiar os produtos agroalimentarios galegos mediante postos innovadores e actuando como polo de atracción de visitantes

Ribadeo (Lugo), 5 de setembro de 2021

A Xunta está a traballar na Estratexia da carne como un amplo programa de iniciativas pensadas para impulsar este sector primordial do noso agro e fomentar o consumo de carne. Así o dixo o conselleiro do Medio Rural, José González, que este domingo visitou unha explotación de vacún de carne en Ribadeo tras estar tamén no mercado desta localidade lucense, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Na súa visita á explotación, o conselleiro sinalou que a Estratexia da carne virá suceder á do lácteo e a do viño, que xa están en marcha para profesionalizar e aumentar a rendibilidade destes sectores. José González puxo estas Estratexias como exemplo do apoio constante da Xunta ao sector primario, que se revelou como fundamental -apuntou- durante a pandemia.

Outra mostra deste apoio foron - dixo- as axudas directas concedidas a sectores especialmente afectados pola covid-19 como o do vacún de carne, no que se acadaron os 4.621 produtores beneficiados de preto de sete millóns de euros en achegas. Así mesmo, segundo recordou, habilitouse como canle alternativa de comercialización a rede Mercaproximidade, que aínda continúa activa -máis dun ano despois- nos establecementos das principais cadeas de distribución que operan na nosa comunidade.

Canto á visita ao mercado de Ribadeo, serviu para que o titular de Medio Rural destacase tamén o compromiso do Goberno galego co sector da horta, apostando pola calidade que distingue producións como as acollidas á marca Horta de Mondoñedo.

Na súa intervención, o conselleiro tamén sinalou que se está traballando na creación dos mercados singulares, en localizacións emblemáticas das catro provincias galegas, coa finalidade de prestixiar as producións agroalimentarias galegas mediante o deseño de postos innovadores, actuando como polo de atracción de visitantes que contribúa á dinamización socioeconómica dos territorios.

Precisamente en Ribadeo atópase tamén o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias, onde o curso pasado se implantou o Grao medio en aproveitamento e conservación do medio natural, en modalidade FP dual. Cabe lembrar que aínda está aberto o prazo de inscrición para este novo curso -deica o vindeiro xoves 9 de setembro- para apostar por un eido que conta cun 100 % de empregabilidade.

Imaxes relacionadas