A Xunta organiza o vindeiro sábado na Estrada dous cursos sobre as propiedades do aceite de oliva virxe extra e sobre as estratexias de venda deste produto

Programadas polo departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal, as iniciativa está previsto que se celebren no Novo Mercado desta localidade pontevedresa deica o domingo 19 de setembro

Nun dos casos o contido central serán as catas de AOVE, mentres no outro se tratarán cuestións como o lanzamento de marcas deste produto ou o oleoturismo

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza na localidade pontevedresa da Estrada dous cursos sobre o aceite de oliva virxe extra (AOVE). Un deles centrarase nas catas do produto mentres o segundo xirará arredor das diferentes estratexias de venda posibles.
Ambas iniciativas constan de 20 horas de formación e está previsto que se desenvolvan entre o vindeiro sábado 11 de setembro e o domingo 19 no Novo Mercado da Estrada. Cómpre apuntar que están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
No caso do curso de cata de AOVE, está programado en horario de tarde e establece como principais obxectivos aprender e coñecer as propiedades destes aceites de oliva. Nesa liña, valoraranse os atributos positivos que definen un AOVE de alta gama segundo a súa valoración organoléptica. Así, o programa contén conceptos básicos para a cata de aceites, contemplando a fase olfativa, gustativa e táctil e características sensoriais como o sabor, o aroma, a textura e a cor, ademais de sesións de cata propiamente ditas para valorar a calidade de distintas mostras de produto.
Sobre a acción centrada nas estratexias de comercialización do AOVE, que está prevista en horario de mañá, a finalidade é coñecer as técnicas de posicionamento, plans estratéxicos e experiencias sobre a venda do aceite de oliva virxe extra no sector gourmet. Así, falarase do deseño e lanzamento dunha marca de AOVE, do oleoturismo e de estratexias de venda como a maridaxe con este produto, entre outros.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos da Estrada e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881997279.