O subdirector xeral de Espazos Naturais, Tomás Fernández-Couto, participou esta noite no acto de entrega de premios no Mosteiro de Poio

A Xunta felicita aos gañadores da segunda edición da proba internacional Tripla Coroa Illas Atlánticas

Salienta a dureza da travesía a nado disputada hoxe entre a illa de Ons e Combarro e felicita á organización, aos colaboradores e aos 123 participantes por facer desta competición un gran escaparate internacional para Galicia e o Parque Nacional

Poio (Pontevedra), 4 de setembro 2021

O subdirector xeral de Espazos Naturais, Tomás Fernández-Couto, participou esta noite na entrega de premios da segunda edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha competición de natación en augas abertas que comezou a disputarse no ano 2018 e hoxe celebrou a súa terceira e última proba cun percorrido de 23 km entre a illa de Ons e Combarro.

Durante o acto celebrado no Mosteiro de Poio, Fernández-Couto felicitou aos 14 deportistas premiados nas diferentes categorías pola súa clasificación e sobre todo, polo esforzo, un esforzo que agradeceu tamén aos 123 participantes na proba de hoxe. Neste sentido, salientou a “dureza extrema” desta competición, considerada un dos eventos deportivos de natación máis duros e longos de Europa.

Así mesmo, o subdirector xeral quixo resaltar o papel fundamental da organización, das distintas administracións e entidades colaboradoras e dos propios deportistas para garantir o éxito dun evento que, segundo dixo, se consolida ano tras ano como un escaparate internacional de gran valor para dar a coñecer lugares emblemáticos de Galicia e particularmente, o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Tras subliñar que o obxectivo da Xunta é que esta competición transcenda máis alá do eido deportivo, lembrou que mentres se disputaba a proba, 50 familiares e acompañantes puideron coñecer Ons a través dun completo programa de actividades organizado polo persoal e a dirección do Parque e que incluíu unha ruta guiada pola illa, unha batida de limpeza na praia de Area de Cans e un concurso fotográfico.

Todas as accións programadas no marco da Tripla Coroa, indicou, serven para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia, demostrar que a conservación da natureza “é compatible co seu uso e desfrute” a nivel deportivo e turístico e divulgar o valor dos “pequenos xestos” na preservación do medio ambiente.

A terceira proba da tripla Coroa Illas Atlánticas arrancou esta mañá na praia de Area de Cans, en Ons, pasou pola costa de Sanxenxo e Poio, e tras deixar atrás a illa de Tambo, finalizou na localidade de Combarro. Cómpre lembrar que a covid obrigou a suspender en 2020 esta travesía, a terceira e última da competición despois da disputada en 2018 entre Cíes e Baiona e da que se celebrou en 2019 entre Sálvora e O Grove.