O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou este sábado o Salón de Alimentación do Atlántico

A Xunta exalta a calidade dos produtos agroalimentarios galegos con presenza na 24ª edición de Salimat que se celebra ata mañá en Silleda

Son unha trintena de empresas pertencentes a diferentes sectores produtivos -a maioría acollidas a selos de calidade- as que participan este ano no evento baixo o paraugas de promoción do Goberno galego

O Salón de Alimentación do Atlántico estase a desenvolver de xeito paralelo á Semana Verde de Galicia

Silleda (Pontevedra), 4 de setembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou esta tarde a 24ª edición do Salón de Alimentación do Atlántico – Salimat Abanca, que se desenvolverá ata mañá na localidade pontevedresa de Silleda, de xeito paralelo á Semana Verde de Galicia. Alí, puxo en valor a calidade dos produtos presentes no evento baixo o paraugas de promoción da Xunta.
Trátase de 30 empresas de diferentes sectores produtivos (queixos, xeados, viños, conservas, repostería, etc.), a maioría acollidas a selos de calidade. Nesa liña, o director da Agacal abondou na ampla diversidade de opcións que ofrece a produción agroalimentaria galega, destacando non só pola súa calidade senón tamén polos seus procesos produtivos e de elaboración respectuosos co medio ambiente, de acordo coas actuais demandas dos consumidores.
Cómpre apuntar que Salimat celebra a súa edición número 24 tras un 2020 no que non se celebrou o evento. Na anterior edición, no ano 2019, participaron 245 expositores e tiveron lugar 1.500 reunións de negocio. Canto ao número de visitantes, aproximouse aos 130.000.
O Salón de Alimentación do Atlántico tense consolidado como un foro onde as empresas do sector poden presentar os seus produtos e novidades, ademais de contactar tanto con distribuidores e importadores como con socios de negocio actuais ou potenciais. Ao tempo, teñen unha oportunidade de reforzar a súa imaxe de marca, mesmo formando parte do programa de actividades organizadas.

Imaxes relacionadas