A Xunta celebrará en Monforte un obradoiro sobre o fenómeno de deriva na aplicación de produtos fitosanitarios

A acción formativa terá lugar no CFEA de Monforte o vindeiro martes, en horario de 10:00 a 14:00 horas

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá o vindeiro martes, 7 de setembro, un obradoiro sobre o fenómeno de deriva durante a aplicación de produtos fitosanitarios. Desenvolverase no CFEA de Monforte de Lemos en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.
Nesta acción formativa simularanse diferentes condicións ambientais para analizar o efecto que os distintos tamaños de gota de produtos fitosanitarios teñen sobre o fenómeno de deriva cando se aplican nos distintos cultivos.
Deste xeito, o curso abordará o uso de diferentes tipos de boquillas e o impacto no medio, tanto a nivel vexetal como no solo e aire, co fin de minimizar os efectos negativos que poida ocasionar unha aplicación incorrecta destes produtos nos distintos cultivos.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico de ceca.monforte@edu.xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982889103 para máis información.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.