O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe cos comités de empresa de Ence

A Xunta ofrece a súa máxima colaboración na busca dunha solución que garanta a continuidade de Ence na súa actual localización

Asegura que esa é a postura que a Xunta vai defender na xuntanza convocada polo Goberno para a vindeira semana, porque é a única opción real de evitar o peche da planta en Galicia

Reitera que o Goberno ten unha oportunidade para rectificar e emendar as consecuencias de non ter defendido a prórroga da concesión outorgada polo Estado
 

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cos comités de empresa de Ence aos que lles trasladou que a Xunta vai ofrecer a súa máxima colaboración na busca dunha solución que garanta a continuidade da biofábrica na súa actual localización na ría de Pontevedra.

Conde asegurou que esa é a postura que a Xunta vai defender na xuntanza convocada polo Goberno para a vindeira semana, porque é a única opción real de evitar o peche da planta en Galicia e que os investimentos que Ence tiña previstos se marchen cara a Asturias (Navia).

Segundo dixo, a Xunta vai ser absolutamente proactiva e vai colaborar co Goberno e coa propia empresa na busca dunha solución. Pero reiterou que fai falla a implicación tanto do Concello de Pontevedra como do Goberno, e que este emende as consecuencias de non ter defendido a prórroga da concesión outorgada polo Estado.

Conde sinalou que en Ence está a proba de que a transición enerxética que defende o Goberno só se pode contabilizar en peches de empresas e máis impostos para as familias e para a propia industria. E, nese sentido, indicou que na xuntanza da vindeira semana a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten unha oportunidade para rectificar e para poñer solucións sobre a mesa.

Imaxes relacionadas