A Xunta organiza a vindeira semana na Fonsagrada dous cursos sobre xestión económica e administración electrónica para explotacións agrarias

Programadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través da OAC da Fonsagrada, ambas accións desenvolveranse na aula Cemit desta localidade luguesa

O curso de xestión económica, que ten previsto arrancar o luns 6, ten por obxectivo que os produtores poidan mellorar a rendibilidade das súas explotacións

Mentres, o de administración electrónica, que dará comezo o xoves 9, busca familiarizar aos participantes cos trámites dixitais que precisan levar a cabo

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previstos dous cursos a semana vindeira na Fonsagrada, organizados pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) desta localidade luguesa. O primeiro centrarase na mellora da xestión económica das explotacións agrarias e o segundo nos distintos trámites requiridos aos produtores en relación coa administración electrónica.
Así, entre o 6 e o 8 de setembro está previsto que se celebre a acción sobre xestión económica, que busca achegar aos titulares das ganderías da comarca coñecementos básicos para que aumenten a rendibilidade das súas explotacións. En concreto, recibirán 10 horas de formación en horario de tarde sobre conceptos xerais de xestión, recollida de datos e soportes informáticos para o tratamento destes datos, ao tempo que poderán ver exemplos prácticos dos que tirar conclusións para as súas granxas.
No caso do curso sobre administración electrónica, que terá lugar entre o 9 e o 10 de setembro tamén en horario de tarde, a formación constará de seis horas. O obxectivo é que os autónomos con actividade agraria ou a xente nova que se queira incorporar ao agro se familiaricen cos procedementos dixitais obrigatorios.
En todo caso, cómpre apuntar que ambos cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos da Fonsagrada e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico xose.fernandez.rodriguez@xunta.gal. Para consultar calquera dúbida, poden poñerse en contacto co coordinador de ambas iniciativas no teléfono 982828402.