Unha trintena de pequenas e medianas empresas agroalimentarias galegas participan dende mañá en Salimat baixo o paraugas de promoción da Xunta

As empresas pertencen a diferentes sectores produtivos (queixos, xeados, viños, conservas, repostería, etc.), a maioría acollidas a indicativos de calidade

O Salón de Alimentación do Atlántico desenvolverase entre o 3 e o 5 de setembro, de xeito paralelo á Semana Verde de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), amparará a participación e a promoción dunha trintena de pequenas e medianas empresas agroalimentarias galegas na 24ª edición do Salón de Alimentación do Atlántico – Salimat Abanca, que se desenvolverá dende mañá ata o vindeiro domingo 5 de setembro na localidade pontevedresa de Silleda, de xeito paralelo á Semana Verde de Galicia.
Trátase de 30 empresas de diferentes sectores produtivos (queixos, xeados, viños, conservas, repostería, etc.), a maioría acollidas a indicativos de calidade. Cada unha delas contará cun espazo de exposición de 6 m² identificado con Galicia que poderán personalizar coa súa imaxe corporativa.
Cómpre apuntar que Salimat celebra a súa edición número 24 tras un 2020 no que non se celebrou o evento. Na anterior edición, no ano 2019, participaron 245 expositores e tiveron lugar 1.500 reunións de negocio. Canto ao número de visitantes, aproximouse aos 130.000.
O Salón de Alimentación do Atlántico tense consolidado como un foro onde as empresas do sector poden presentar os seus produtos e novidades, ademais de contactar tanto con distribuidores e importadores como con socios de negocio actuais ou potenciais. Ao tempo, teñen unha oportunidade de reforzar a súa imaxe de marca, mesmo formando parte do programa de actividades organizadas.