A Xunta inaugura en Astorga unha mouteira cedida a Castela e León para conmemorar o Xacobeo 21-22

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, invitou hoxe aos leoneses a camiñar a Galicia durante o acto de inauguración deste monumento, que se enmarca na iniciativa “Símbolos Xacobeos no mundo” para expandir a marca xacobea

Alfonso Rueda destacou que o Camiño de Santiago é un fenómeno universal que une aos pobos e que o Xacobeo será o principal motor de recuperación do turismo galego e unha oportunidade tamén para a marca España

Lembrou que a aposta da Xunta por ofrecer Galicia como un destino seguro, de calidade e sostible cun Camiño Seguro permitiu obter bos resultados de ocupación turística nestes meses e poder rematar o ano por riba dos 140.000 peregrinos

Astorga (León), 1 de setembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na inauguración da mouteira situada na praza de San Francisco de Astorga cedida polo Goberno galego a Castela e León para conmemorar o Xacobeo 21-22 e animou a tódolos leoneses a visitar a comunidade galega neste Ano Santo Dobre e camiñar a Galicia para desfrutar dun destino seguro, de calidade e sostible.

Durante o descubrimento da mouteira que identifica ao Camiño de Santiago destacou que é o principal reclamo turístico de Galicia, pero tamén un fenómeno universal que une aos pobos, ao mesmo tempo que o Xacobeo supón unha oportunidade para reforzar esa unión. Nesta liña, remarcou que o Ano Santo será o motor para a reactivación do turismo e da economía galega e beneficiará tamén á marca España e ás comunidades que atravesan as distintas rutas do Camiño.

Tamén lembrou que con esta mouteira dáse continuidade á iniciativa Símbolos Xacobeos no mundo, que xa expandiu a marca xacobea no estranxeiro por Cracovia, Bruxelas, Glasgow, Bos Aires, Río de Xaneiro, Lorient ou Pistoia, entre outros lugares. Ademais, trátase do segundo fito conmemorativo que se coloca en conxunto con outra comunidade pola que pasa o Camiño de Santiago, despois do inaugurado o pasado xuño no Mosteiro de Santo Toribio de Liébana, en Cantabria.

Madrid conta ademais con outra mouteira no cuartel da Garda Real inaugurada tamén en xuño polo vicepresidente primeiro da Xunta e que fora solicitada polos seus membros polo especial simbolismo, xa que tódolos anos peregrinan coas súas familias a Santiago.

Na súa intervención, Alfonso Rueda resaltou a aposta da Xunta pese á pandemia para ofrecer un destino seguro, de calidade e sostible cun Camiño Seguro, co apoio ao sector para poñer en marcha medidas de prevención, con iniciativas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus ou coa promoción para reforzar esa imaxe de destino seguro a través da campaña Camiña a Galicia.

Por iso, engadiu que este traballo comeza a dar resultados ao recibir a comunidade en xullo un 80% máis de turistas que o ano pasado e case 100.000 peregrinos no que vai de ano, dos que máis de 2.200 proceden de Castela e León. A Xunta prevé pechar este ano superando os 140.000 peregrinos e continuar nesa tendencia en 2022 neste Ano Santo Dobre e recibir a camiñantes de tódolos lugares do mundo, tendo en conta que neste 2020 máis do 70% son do territorio nacional.

Imaxes relacionadas