O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural encabezou a delegación da Xunta que participou hoxe na reunión telemática sobre o Plan Estratéxico nacional da PAC

Galicia e as demais comunidades cantábricas insisten en esixir ao Ministerio de agricultura que atenda as súas demandas en relación cos ecoesquemas da PAC

Os territorios do norte de España coincidiron en reclamar a inmediata celebración dunha xuntanza bilateral co MAPA para avanzar nestas cuestións, manifestando o seu desacordo por que o Ministerio non recollese ningunha das súas peticións

Nesa liña, propoñen unha maior adaptación dos ecoesquemas ás particularidades da España húmida

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

Galicia e as demais comunidades da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) insisten en demandar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que atenda as súas demandas en materia de aplicación dos ecoesquemas da PAC. Así llo trasladaron hoxe os representantes destes territorios ao secretario general de Agricultura e Alimentación, Fernando Miranda, nunha videoconferencia na que participaron todas as autonomías e o representante do Goberno Central. Nesta xuntanza participou, por parte galega, unha delegación encabezada polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez.
Neste encontro, dende a Cornixa Cantábrica demandouse a inmediata celebración dunha xuntanza bilateral -entre estas comunidades do norte e o Ministerio- para avanzar nesta materia. Neste sentido, as catro comunidades coincidiron en manifestar o seu desacordo coas propostas do Ministerio por non recoller ningunha das peticións remitidas en repetidas ocasións a Madrid, a última delas, por escrito, a finais de xullo pasado.
Tendo en conta estas consideracións, Galicia ve precipitada a intención do MAPA de pechar as negociacións sobre o primeiro piar da PAC o vindeiro 22 de setembro, para convocar logo en outubro unha Conferencia sectorial. Antes, insiste, téñense que atender as súas demandas, para configurar uns ecoesquemas acaídos ás peculiaridades da Cornixa cantábrica.
De maneira xenérica, as devanditas autonomías do Norte de España piden, entre outras cousas, unha maior adaptación dos ecoesquemas á España húmida. En relación con estas achegas da nova PAC, coas que Europa quere fomentar as prácticas ambientalmente sostibles, Galicia considera que eses requisitos non poden ser esixencias adicionais para os agricultores e gandeiros, que no caso galego xa están facendo unha custodia do territorio pola vía do cultivo da súa base territorial. Fano, ademais, para loitar contra o abandono, un dos grandes retos que enfronta o agro galego. Por iso, deféndese que o deseño a nivel español ten que recoller ecoesquemas que se adapten aos sistemas produtivos característicos de Galicia e a Cornixa Cantábrica.