O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe Xenética Fontao e celebrou o próximo inicio, por parte desta empresa pública, da produción en exclusiva de seme sexado para toda España

A Xunta destaca que Galicia está na vangarda da xenética animal, un factor clave para o seu liderado no sector lácteo

José González puxo en valor que se producirán un mínimo anual de 30.000 doses e que este seme sexado eleva ata o 90% as posibilidades de que o sexo do animal froito da xestación sexa feminino, algo esencial para facilitar a recría do gando

Ademais, valorou a colaboración entre a Xunta e Xenética Fontao para seguir impulsando o Programa de mellora xenética do gando frisón ou para recuperar as características de aptitude maternal da Rubia Galega

Vinculou esta visita coa reunión de onte, dentro da rolda de contactos con organizacións profesionais agrarias e con outras entidades sectoriais, para impulsar o Observatorio lácteo e para avanzar na valorización do produto

Neste sentido, agradeceu a sensibilidade da distribución á hora de comprender que o incremento dos custos que afrontan os gandeiros ten que repercutir na suba do prezo final do produto

Lugo, 1 de setembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, salientou hoxe que Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite, en cantidade e calidade. Así o destacou González na súa visita a Xenética Fontao, na que celebrou o próximo inicio, por parte desta empresa pública adscrita á Consellería do Medio Rural, da produción en exclusiva de seme sexado para toda España.

Ademais, o conselleiro vinculou esta visita coa reunión que mantivo onte, dentro da rolda de contactos con organizacións profesionais agrarias e con outras entidades sectoriais, para impulsar o Observatorio lácteo e para avanzar na valorización do produto. Neste sentido, agradeceu a sensibilidade da distribución “á hora de comprender que o incremento dos custos que afrontan os gandeiros ten que repercutir na suba do prezo final do produto”, algo que tamén está marcado como obxectivo na Estratexia do sector impulsada pola Xunta de acordo cos axentes deste eido produtivo.

En relación coa visita a Xenética Fontao, José González puxo en valor que esta empresa pública producirá un mínimo anual de 30.000 doses e que este seme sexado eleva ata o 90% as posibilidades de que o sexo do animal froito da xestación sexa feminino, algo esencial para facilitar a recría e a reposición de gando dentro da propia granxa.

Nesta liña, José González cualificou o avance como importantísimo para a nosa gandaría, xa que vai traer consigo diferentes vantaxes, como a autonomía á hora de realizar este tipo de selección xenética, a contención dos custos e, polo tanto, unha maior rendibilidade para o sector, a dispoñibilidade desta tecnoloxía a nivel local e un maior progreso xenético.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, trasladou tamén que todo isto supón, ademais, unha decidida aposta polo fomento da recría nas explotacións e, polo tanto, dunha maior garantía de continuidade das liñas xenéticas coa máxima calidade nas granxas.

Mellora xenética do gando frisón

A maiores, o titular de Medio Rural valorou a colaboración entre a Xunta e Xenética Fontao para seguir impulsando, entre outras cousas, o Programa de mellora xenética do gando frisón en Galicia, esencial na liña de garantir unha gandaría moderna, eficiente e competitiva, remarcou. Para esta finalidade, a Consellería achega un total de 600.000 euros no período 2019-2022.

Outra liña de cooperación, indicou González, é o recente acordo entre Xenética Fontao e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para impulsar a Rubia Galega. Así, destínanse 250.000 euros para recuperar as características de aptitude maternal desta raza, co triplo obxectivo de mellorar a calidade do canal e da carne dos becerros amamantados, reducir o gasto na alimentación dos becerros e mellorar a produción e as características do leite producido cara o seu emprego en produtos coma o queixo.

Como resumo, o conselleiro indicou que con todo este esforzo búscase incidir nas principais liñas de traballo dentro das estratexias sectoriais que estamos impulsando para mellorar a xestión das explotacións e, polo tanto, a súa rendibilidade, reforzar a calidade como referente fundamental da nosa produción e potenciar o valor engadido dos nosos produtos.

Imaxes relacionadas