O titular da Xunta visitou hoxe o Faro de Lariño en Carnota

Feijóo sitúa o modelo galego de turismo seguro e tranquilo como unha fortaleza e unha oportunidade para reactivar a economía e xerar emprego

Agradece o grande esforzo feito durante o inverno e a primavera por parte de todos os galegos, especialmente o sector turístico e hostaleiro, para que Galicia fose este verán unha das comunidades con mellor comportamento turístico de España

Aborda a oportunidade que suporía rehabilitar toda a arquitectura tradicional que existe no litoral galego que é previa á Lei de Costas e poñela en valor como recurso turístico, hostaleiro e de restauración

Carnota (A Coruña), 31 de agosto de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, situou o modelo galego de turismo seguro e tranquilo como unha fortaleza e unha oportunidade para reactivar a economía e xerar emprego.

O presidente da Xunta aseverou que Galicia vai seguir apostando por un turismo seguro e de calidade no que se poñen en valor as nosas paisaxes; se xera actividade económica, emprego e valor engadido, e, ao tempo, se fomenta a sustentabilidade e se respecta o medio ambiente.

Feijóo aproveitou a súa visita ao Faro de Lariño para agradecer o grande esforzo feito durante o inverno e a primavera por parte de todos os galegos, especialmente o sector turístico e hostaleiro, para que Galicia fose este verán unha das comunidades con mellor comportamento turístico de España.

Logo de aseverar que “en plena pandemia temos o terceiro mellor mes de xullo desde que hai rexistros turísticos en Galicia”, Feijóo detallou que “incrementamos un 81% o número de viaxeiros con respecto ao pasado ano e un 73% o número de pernoitas”.

Así mesmo, incidiu en que os concellos que velan con maior intensidade pola protección da paisaxe estarán mellor posicionados na oferta turística do futuro.

Nesa liña, o presidente da Xunta salientou que o proxecto de converter o Faro de Lariño nun hotel singular supón “un exemplo máis dese turismo de calidade polo que aposta Galicia” e que, ademais, pon en valor un recurso tan importante e tan icónico como son os faros.

De feito, Galicia conta coa Ruta dos Faros –1.315 quilómetros repartidos en 56 etapas-, un produto turístico que ten por obxecto fomentar o descubrimento do litoral, a valorización dos recursos e a lectura das paisaxes que se van percorrendo.

Nese senso, o presidente da Xunta abordou a oportunidade que suporía poder rehabilitar toda a arquitectura tradicional que existe no litoral galego e que é previa á Lei de Costas, como as conserveiras ou as fábricas de salazón. “É unha proposta razoable que Galicia queira poñer en valor os centos de edificacións tradicionais da costa galega como recursos turísticos, hostaleiros e de restauración”, insistiu.

A maiores, Feijóo lembrou que o Goberno galego puxo en marcha, xunto ao sector turístico, a iniciativa Galicia Destino Seguro, que permite actuar en eidos como: a información; a formación con cursos gratuítos e certificables; o asesoramento a empresas e financiamento para que os establecementos se adapten ás medidas sanitarias.

Ademais, tamén existen medidas como o teléfono especial para viaxeiros que non residen en Galicia, no que son atendidos sen custe ante calquera síntoma relacionado coa covid ou o Seguro Coronavirus.

Feijóo concluíu sinalando o Xacobeo como un referente do modelo de turismo seguro polo que aposta Galicia e valorando os bos datos que se están rexistrando. “A pasada semana xa se tiñan superado o número de compostelas que se entregaran o mes anterior”, explicou.

Imaxes relacionadas