A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, o alcalde de Carballo e o delegado territorial da Xunta na Coruña supervisaron o funcionamento do dispositivo na estación de autobuses do municipio

Ethel Vázquez destaca que case 2.400 mozos de Bergantiños viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta

Explica que un rapaz de Carballo que empregue o transporte público da Xunta para ir estudar á Coruña aforrará 1.260 euros ano, e 1.200 euros se se despraza a Santiago, empregando este dispositivo

Subliña que coa Xente Nova todos os mozos galegos menores de 21 anos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.300 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta

Salienta que desde a extensión da Xente Nova a toda Galicia, o pasado 21 de maio, o número de tarxetas expedidas se ten incrementado de xeito espectacular, o que pon de manifesto o acerto da medida

Carballo (A Coruña), 31 de agosto de 2021.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que case 2.400 mozos da comarca de Bergantiños, concretamente 2.387, viaxan xa gratis por toda Galicia empregando a tarxeta Xente Nova da Xunta.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá na estación de autobuses do municipio o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos no autobús interurbano da Xunta.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que, ata hai tres meses, esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, polo que os mozos de Carballo xa podían viaxar de balde cara á Coruña, por estar integrados nesa área de transporte.

Con todo, desde que a tarxeta Xente Nova se estendeu a toda Galicia, desde o pasado 21 de maio, os 1.339 mozos de Carballo que dispoñen deste dispositivo tamén se poden desprazar gratis no autobús da Xunta cara á Santiago, por motivos de estudo ou de ocio, ao igual que desprazarse de balde polos 313 concellos da Comunidade.

Ethel Vázquez resaltou que empregando este dispositivo todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.300 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta.

Apuntou que esta medida constitúe, na práctica, unha conquista social para a mocidade galega no acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, mediante un transporte público gratuíto; un revulsivo no uso do transporte para os máis novos; e tamén un alivio para o peto das familias, que quedan liberadas de afrontar o gasto do transporte dos seus fillos.

De feito, segundo explicou, o aforro para a familia dun rapaz de Carballo que se despraza todos os días a estudar á Coruña aforrará 1.260 euros ao ano no transporte da Xunta nos 9 meses de curso grazas á tarxeta Xente Nova. No caso de que ese mozo de Carballo estude en Santiago, o aforro será de 1.200 euros anuais.

A conselleira salientou que, desde que se estendeu o dispositivo Xente Nova a toda Galicia, o número de tarxetas expedidas en Carballo se ten incrementado dun xeito, “espectacular”: en abril expedíronse 4 tarxetas, en xullo foron case 90 e en agosto outras case 70, o que pon de manifesto o acerto da medida.

Ethel Vázquez tamén puxo en valor a culminación, en decembro, da renovación integral de todo o transporte público de Galicia co obxectivo de ofrecer aos cidadáns servizos máis modernos e mellor adaptados ás súas necesidades de desprazamento. Na comarca de Bergantiños esta renovación supuxo dotar aos veciños de mellores conexións e máis frecuencias cara á Coruña, pero tamén unha maior cobertura e coordinación no transporte entre os municipios da comarca e no interior do propio concello.

Imaxes relacionadas