O titular da Xunta visitou o peirao de Laxe para comprobar a fase final das obras da dragaxe do porto

A Xunta aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías galegas para modernizar portos, lonxas e lugares de desembarque

Feijóo reitera o agradecemento e recoñecemento a todo o sector do mar pola súa labor durante a crise da covid

Asegura que as dragaxes son obras difíciles e complexas, pero moi necesarias para dar seguridade á xente que traballa no porto e para dar maior capacidade de captura e comercialización

Laxe (A Coruña), 30 de agosto de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe en Laxe que a Xunta aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías galegas para modernizar portos, lonxas e lugares de desembarque.

Durante unha visita ao peirao de Laxe para comprobar a fase final das obras da dragaxe do porto, Feijóo asegurou que as dragaxes son obras difíciles e complexas, pero moi necesarias “para dar seguridade á xente que traballa no porto e para dar maior capacidade de captura e comercialización”.

Nesa liña, o presidente da Xunta salientou que coas obras que se están a desenvolver, cun orzamento de 3,6 millóns de euros e que xa están completadas en máis dun 50%, Laxe terá “un porto máis seguro, máis accesible, con maior calado e un porto onde se vai poder traballar con máis seguridade e, polo tanto, con máis eficiencia”.

A maiores, Feijóo explicou que a Xunta contratou o servizo harmonizado para a redacción de estudos ambientais e de dragaxe para máis de 30 portos autonómicos. “Nos últimos anos o Goberno galego leva investido en materia de dragaxes 12 millóns de euros”, abundou Feijóo.

No que respecta aos proxectos da Xunta no porto de Laxe, e logo de valorar a implicación da confraría de Santa María de Atalaia, Feijóo incidiu no proxecto de promoción e posta en valor da lonxa de Laxe e da cultura mariñeira. O obxectivo é dar visibilidade aos produtos da pesca costeira artesanal, á forma de vida dos mariñeiros e á cultura mariñeira. A maiores, a adquisición de material expositivo permitirá realizar eventos e exposicións itinerantes e está previsto crear un gran mural na fachada sur da lonxa.

Tamén están en execución obras para mellorar a eficiencia enerxética da lonxa e da fábrica de xeo da confraría cun proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos e se está a fornecer á lonxa de dúas máquinas hidrolimpadoras.

Para concluír, Feijóo reiterou o agradecemento e recoñecemento a todo o sector do mar pola súa labor durante a crise da covid. “As xentes do mar, contra vento e marea, seguen pescando, seguen traendo sustento e seguen traendo riqueza”, aseverou.

Imaxes relacionadas