A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe na xuntanza convocada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para abordar a situación da fachada marítima da cidade

A Xunta confirma o acordo sobre as porcentaxes de adquisición dos terreos da fachada marítima e proponlle ao Concello da Coruña urbanizalos con fondos europeos

Vázquez Mourelle traslada a disposición da Xunta a participar na adquisición dos terreos achegando un 20%, e a Autoridade Portuaria un 5%, unha vez que a Administración local desexa pagar con cartos municipais o 75% do seu custo, para o que debe garantir que conta co apoio suficiente dos grupos municipais

Proponlle ao Concello aproveitar os fondos de reconstrución ou os fondos europeos doutras convocatorias para urbanizar a fachada marítima

Remarca que para Xunta é prioritario contribuír a aumentar a competitividade do Porto, polo que cómpre recuperar para o uso público os terreos da fachada marítima

Lembra que o Goberno galego leva anos presentando propostas, como a que acadou o compromiso do ex ministro Ábalos coa conexión ferroviaria de Punta Langosteira

Destaca o traballo da Autoridade Portuaria para axilizar os trámites coa licitación, hoxe mesmo, da asistencia técnica das expropiacións necesarias

A Coruña, 27 de agosto de 2021

A Xunta confirmou que achegará o 20% para a adquisición dos terreos da fachada marítima e propúxolle ao Concello da Coruña solicitar fondos ‘Next Generation’ ou fondos europeos doutras convocatorias para a súa urbanización.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe na xuntanza convocada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para abordar a situación da fachada marítima da cidade, na que tamén participou o concelleiro da Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada.
Vázquez Mourelle salientou que na reunión de hoxe se ten chegado a ese acordo, de que a Xunta participará na adquisición dos terreos nunha porcentaxe do 20% e a Autoridade Portuaria nun 5%, unha vez que a Administración local desexa pagar con cartos municipais o 75% do seu custo, para o que debe garantir que conta co apoio suficiente dos grupos municipais.
No encontro tamén se abordou a urbanización da fachada marítima, para o que aproveitar os fondos ‘Next Generation’ ou fondos europeos doutras convocatorias suporía unha grande oportunidade para a cidade da Coruña.
Neste sentido, a titular de Infraestruturas propúxolle ao Concello da Coruña impulsar a urbanización da fachada marítima con fondos europeos e ofreceulle total colaboración técnica da Xunta.
Fixo fincapé en que o Executivo autonómico ten o máximo interese en contribuír a que o Porto da Coruña sexa un motor de competitividade para a provincia e para toda Galicia, polo que cómpre recuperar para o uso público os terreos da fachada marítima liberados coa construción do Porto Exterior.
Lembrou que o Goberno galego leva anos presentando propostas e reivindicacións, como a que xa permitiu acadar o compromiso do ex ministro Ábalos coa conexión ferroviaria de Punta Langosteira.
Remarcou esa conexión ferroviaria como peza clave para acadar eses obxectivos de competitividade do Porto e de liberación dos terreos portuarios interiores.
A este respecto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou o traballo da Autoridade Portuaria para axilizar os trámites do proxecto, que xa ten a aprobación preceptiva dos concellos de Arteixo e da Coruña. Subliñou como unha boa nova a licitación, hoxe mesmo, por parte do Porto, da asistencia técnica das expropiacións necesarias.
Ethel Vázquez destacou que a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria, as tres administracións con vontade de impulsar este obxectivo da cidade da Coruña, deben continuar co diálogo sobre os termos do acordo.
Recordou que o Goberno galego xa propuxera en abril a adquisición dos terreos portuarios e a posterior urbanización, empezando polos ámbitos de Batería e Calvo Sotelo.
Indicou que a Xunta tamén puxo enriba da mesa a oferta de financiar a adquisición do 51% dos terreos para blindar a súa titularidade pública. Non obstante, esta proposta foi rexeitada polo Concello, que tres meses despois, en xullo, presentou unha formulación alternativa na que, basicamente só cambian as porcentaxes de participación de cada administración.

Imaxes relacionadas