Últimos días para solicitar as axudas da Xunta dirixidas a asociacións de comerciantes e vendedores co ánimo de impulsar a competitividade do sector

A convocatoria, destinada a centros comerciais abertos, asociacións de praceiros e federacións, pechará o prazo o próximo luns 30 de agosto

O Goberno galego destina máis de 2M€ a esta iniciativa para atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos aos consumidores na actual situación económica

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o próximo luns 30 de agosto o prazo de presentación de solicitudes das axudas destinadas ás asociacións de comerciantes e vendedores para fomentar a dinamización dos centros comerciais abertos (CCA) e prazas de abastos co obxectivo de impulsar a competitividade do sector.

O actual contexto de cambio, acentuado pola crise da covid-19, e a necesaria aposta pola dixitalización e as novas tecnoloxías como ferramentas de utilidade para o comercio fan que a Xunta destine 2,25M€ a esta liña de axudas, co ánimo de recuperar e impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

Tanto os centros comerciais abertos como as prazas de abastos e mercados poden optar a estas axudas para a posta en marcha ou mantemento de marketplaces ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial. Tamén se inclúe o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, ou a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

No caso das asociacións de praceiros, ademais de proxectos de fidelización e dinamización, tamén poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos.

Imaxes relacionadas