A Xunta formou en materia de reposición de marras en cultivo de viñas a 15 profesionais do sector

A acción formativa celebrouse no Centro de formación e experimentación agroforestal de Guísamo

O obxectivo principal do curso foi dotar aos profesionais dos sector dos coñecementos necesarios sobre as técnicas a utilizar adaptadas á reposición de marras en viñedo

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de organizar un curso sobre reposición de marras en cultivo de viñas no que participaron 15 profesionais do sector. A acción formativa celebrouse no Centro de formación e experimentación agroforestal de Guísamo.

Ao longo das 10 horas de duración, os alumnos coñeceron os diferentes sistemas para facilitar a reposición de marras en función das características da colleita mediante a realización dunha reposición posterior á primeira implantación do cultivo e outra en cultivo adulto motivado por enfermidades do solo, accidentes fitotóxicos, mecánicos ou enfermidades da madeira, entre outros.

Durante o proceso utilizaron diferentes técnicas e todos os equipos necesarios para o seu bo desenvolvemento, facendo ademais un seguimento destas actuacións para ver finalmente as diferentes incidencias sobre as implantacións realizadas. Así, o obxectivo principal do curso foi dotar aos profesionais do sector dos coñecementos necesarios das técnicas a utilizar relacionadas coa reposición de marras en viñedo.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas