Fernández-Tapias entrega as chaves de Abeleira Menéndez 16 a unha nova veciña do casco vello vigués

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada da Xunta en Vigo pon en valor a importancia de promover vivendas de promoción pública, nomeadamente na cidade viguesa cos maiores rexistros de demandantes de entre as urbes galegas

Insiste en reclamarlle ao Concello que active os mecanismos expropiatorios necesarios para poder intervir en varias edificacións identificadas polo organismo

Sinala á recente aprobación do Plan de Actuación, que contempla intensificar a labor desenvolvido ata o de agora coa compra de 25 edificacións nos vindeiros catro anos

Vigo, 26 de agosto de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada Territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, vén de entregar as chaves da vivenda de Abeleira Menéndez 16 a unha nova veciña do barrio histórico vigués. Un contexto no que aproveitou para pór en valor o importante esforzo inversor que está a facer o Executivo autonómico na cidade en materia de vivenda de promoción pública.

Respecto ao inmoble, Fernández-Tapias sinalou que se trata da oitava promoción do ente rehabilitador nesta nesta rúa, cuxa adquisición data do 2017, e que supón a recuperación do que o Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) Casco Vello non dubida en cualificar como “unha das construcións de tipoloxía tradicional máis fermosas do centro histórico vigués”. Unha vivenda da que detallou ocupa as plantas primeira e segunda do edificio situado no número 16 da rúa Abeleira Menéndez, na denominada zona alta do Casco Vello, cunha superficie útil de 92,12 metros cadrados. Consta dun local na planta baixa.

Neste contexto, apuntou as dúas promocións actualmente en execución e en proceso de adxudicación, nas rúas San Francisco 15 e Berbés 29, e que suporán a incorporación de seis novas vivendas ao histórico do ente rehabilitador.

Por outra banda, a delegada referiuse á recente aprobación, a principios do mes de agosto, do Plan de Actuación que contempla a intensificación do labor desenvolvido ata o de agora coa compra de 25 novas edificacións nos vindeiros catro anos, e que contou co visto e prace de todos os membros do consello de administración.

Cun conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados, a representante autonómica indicou que suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio.

Para a consecución destes obxectivos, segundo indicou, será clave a incorporación de 15 inmobles incluídos no Programa Municipal de Edificación Forzosa aprobado polo Concello de Vigo no 2019. “Aseguramos deste modo actuacións en 12 rúas do casco histórico, que poderían verse ampliadas en función do resultado das negociacións en marcha para a adquisición de máis fincas”, dixo.

Preferencia nas expropiacións

Neste sentido, recordou que os estatutos sitúan ao CCVV nun lugar preferente como beneficiario das expropiacións realizadas polo Concello de Vigo para executar as determinacións do Plan Especial, pese a que o Goberno local nunca chegou a habilitar esta fórmula en favor do Consorcio, víndose obrigado a actuar sobre o resto das súas atribucións.

Tras recordar que a expropiación forzosa é un mecanismo que está recollido na Ley de Solo de Galicia como así o recoñeceron os representantes socialistas no consello do ente rehabilitador, Fernández-Tapias volveu a reclamar ao Concello a necesidade de que habilite a vía da expropiación que permitiría a compra de varias edificacións identificadas no casco vello como potencialmente rehabilitables.
“Temos os proxectos e o orzamento para acometer estas intervencións, pero nos fan fallan as ferramentas urbanísticas que permitan a súa adquisición e que dependen única e exclusivamente Concello”, sinalou a delegada.

Asemade, Fernández-Tapias engadiu que a revisión do Plan de Actuación é un requisito establecido por norma no terceiro ano de vixencia e que a súa modificación responde neste caso, ademais da necesidade de incorporar o Programa Municipal de Edificación Forzosa, a que persisten zonas nas que o proceso de rehabilitación integral que xustificou a creación do CCVV non finalizou.

Neste senso, incidiu no valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e á revitalización da zona histórica.

Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de promoción autonómica (VPA) e 33 locais. Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda.

Imaxes relacionadas