A Xunta aforrará máis de medio millón de euros este ano coa compra centralizada de material para o tratamento de feridas

Coa apertura do prazo de licitación, e ata o vindeiro día 13 de setembro, as empresas poderán presentar as súas ofertas á Administración galega

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia aforrará máis de medio millón de euros este ano na contratación do subministro de material sanitario destinado á prevención, limpeza e tratamento das feridas, baseado na cura en ambiente húmido.

Cun valor estimado de 32.970.080 euros para os vindeiros cinco exercicios, esta compra permite acadar unha maior eficiencia dos recursos materiais e un mellor prezo na adquisición duns produtos, que serán empregados na totalidade dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

Mediante a súa contratación centralizada, agárdase acadar un aforro mínimo de 526.239 euros (un 2,9 % menos sobre o promedio dos prezos actuais de compra) durante dous anos, debido á baixada que supoñen os prezos de licitación. Ademais, e de xeito adicional, espérase acadar no procedemento unha baixada adicional do 7% sobre o orzamento de licitación, ata acadar un aforro total en 3 anos do 9,9% (1.796.473) respecto dos prezos de compra actuais.

Coa apertura do prazo de licitación, e ata o vindeiro día 13 de setembro, as empresas poderán presentar as súas ofertas á Administración galega. Neste sentido, os productos que se incluirán no expediente están indicados para o uso en feridas crónicas provocadas pola inmobilidade, a incontinencia, ou as alteracións cardiovasculares -arteriais e venosas-, que afectan, sobre todo, a doentes de idade avanzada e con patoloxías asociadas (diabetes, demencia, etc...).

Con esta licitación cubriranse máis do 95% das compras totais das distintas familias de apósitos de cura húmida (alginatos, prata de alta absorción, hidroxeles, carbón e prata, hidrocoloides, hidrolimérico, silicona, etc), así como outros materiais para a prevención de feridas.

A actuación enmárcase e complementa as previamente postas en marcha pola Consellería de Sanidade, co obxectivo de realizar unha continua mellora da calidade asistencial, así como para optimizar a sostibilidade económica do sistema sanitario público galego.

Imaxes relacionadas