A Xunta reivindica na Ribeira Sacra o papel dos oficios artesanais como atractivo turístico

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe o evento organizado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación no Santuario da Nosa Señora das Cadeiras de Sober, no que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia

O Goberno galego busca dar respaldo ao sector artesán na súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización, así como achegarlle a artesanía á sociedade
 

Sober (Lugo), 21 de agosto de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, visitou este mediodía en Sober o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, onde animou a vincular os oficios artesanais a un novo xeito de facer turismo. Heredia, que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos de pequeno formato para axudar ao sector artesán na súa adaptación aos novos hábitos de consumo e ás novas fórmulas de comercialización.

Na iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en colaboración co Concello de Sober, participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia e estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras desde as 11:00 ata as 21:00 horas.

Durante toda a xornada poderán atoparse pezas de olería –entre os expositores atópanse representantes de tres dos centros de olería tradicional aínda activos en Galicia como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños)–; madeira; téxtil; xoguetes artesanais; xoiería; traxe tradicional; e coiro.

Entre os obradoiros participantes, moitos deles asentados na Ribeira Sacra e na súa reserva da biosfera, atópanse Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños); Armaior e Enxógate (Quiroga); Artesanía do Caurel (Folgoso do Courel); Bangus (Ourense); Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober); En lá (Monforte de Lemos); Isabel e a arte (Vilalba); Lucecús (Guitiriz); Lumecú (Vilar de Santos); Macala (Santiago de Compostela); Moura (Maceda); Nobelo a nobelo (A Estrada); Olería do Batán (Baños de Molgas); e Senda Coiro (A Pobra de Brollón).

 

Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén catro obradoiros gratuítos e abertos ao público para achegar os oficios artesanais á sociedade, especialmente aos máis pequenos, e contribuír así a visibilizar a marca Artesanía de Galicia. Así, os artesáns Susana González, de Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar) impartirán un taller de iniciación ao torno cerámico. Pola súa parte, María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) realizarán un obradoiro de creación de cianotipias e outro sobre a técnica de estampaxe xaponesa shitotaku. A artesá Iria Ribadomar, do obradoiro Deica! (Santiago de Compostela), estará á fronte dun de debuxo.

Imaxes relacionadas