A Xunta concede axudas á edición de máis de medio cento de recursos didácticos curriculares en galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destínalle a esta liña de subvencións para o ano 2021 unha dotación orzamentaria de 200.000 euros

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de conceder as axudas á edición de recursos didácticos curriculares en galego, destinadas a un total de 55 proxectos de empresas do sector editorial. A convocatoria está dotada con 200.000 euros para impulsar o uso do galego no ensino regrado non universitario.

Os proxectos subvencionados teñen como obxectivo a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais, incluíndo a elaboración de material didáctico para a formación regrada de adultos. Considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos contidos nos currículos oficiais das ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Á hora de outorgar as subvencións consideráronse criterios de concesión a calidade da obra, medindo a súa adaptación ao currículo oficial en función das actividades propostas, a relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, o tratamento dos valores democráticos, a adecuación á realidade galega e ao nivel académico do estudantado e a calidade lingüística; a orixinalidade da obra, primando as de creación propia sobre as adaptacións ou traducións e, por último, o feito de que se trate de materiais curriculares destinados á Formación Profesional Específica ou ao alumnado con necesidade específicas de apoio educativo.

Dinamizar o uso do galego e apoiar o sector editorial

O obxectivo desta convocatoria é fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos en lingua galega para facilitar o uso vehicular desta lingua nas aulas e a súa aprendizaxe por parte do alumnado, ao tempo que se favorece o tecido da industria editorial galega. A liña de axudas desenvolve as disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia; na Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia e no Plan xeral de normalización da lingua galega sobre as obrigas da Xunta respecto á oferta de materiais didácticos de calidade en lingua galega.

Imaxes relacionadas