A Xunta adxudica a redacción do estudo de alternativas para a execución da variante de Mondariz
Os traballos, adxudicados por preto de 18.000 €, terán un prazo de execución de 5 meses
Avaliaranse as opcións para reducir o tránsito do tráfico pesado no núcleo urbano, no que converxen catro estradas autonómicas: a PO-252, a PO-254, a PO-261 e a PO-262
Analizarase a conexión dende as proximidades do río Tea na PO-252 coa PO-262 pasado o núcleo de Mondariz; ou coa PO-254 pasado o núcleo de Mondariz-Balneario
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do estudo de alternativas para a execución da variante de Mondariz.
O contrato foi adxudicado á empresa Iceacsa Consultores, S.L. por un investimento de preto de 18.000 euros e conta con 5 meses de prazo para redactar o documento.
No núcleo urbano de Mondariz converxen catro estradas autonómicas: a PO-252, a PO-254, a PO-261 e a PO-262.
Trátase de avaliar as alternativas que permitan habilitar unha variante que, dende as proximidades do río Tea na PO-252 conecte, ben coa PO-262 pasado o núcleo de Mondariz, ou ben coa PO-254 pasado o núcleo de Mondariz-Balneario.
O obxectivo é evitar o tránsito do tráfico pesado por treitos urbanos, especialmente o xerado por unha importante planta embotelladora de auga na marxe da estrada PO-252.
O estudo debe ter en conta que o viario debe adaptarse a un terreo accidentado, cun territorio construído e de importantes valores ambientais, polo que debe integrarse o mellor posible e reducir ao mínimo ás afeccións.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.