A Xunta executa as obras da nova glorieta na estrada autonómica AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son
Esta actuación, que conta cun investimento autonómico de 322.000 euros, céntrase na construción dunha glorieta no cruzamento coas vías da igrexa e da praia das Furnas para optimizar os movementos e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro
As obras permitirán manter os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita como esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar as obras da nova glorieta na estrada autonómica AC- 550 en Xuño, no concello de Porto do Son.
Esta intervención, que conta cun investimento da Xunta de 322.000 euros, ten por obxecto optimizar os movementos do tráfico rodado e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño.
Para iso, estanse iniciando as tarefas de construción desta nova glorieta na estrada AC-550, na intersección que conecta coa vía que leva á igrexa, pola marxe esquerda, e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.
A nova rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana e, deste modo, moderen a velocidade nesa zona.
Os principais traballos céntranse na execución da nova glorieta, con catro vías que concorren nela. Esas vías contarán cun ancho de 3,50 metros por carril, salvo á que dá acceso á praia das Furnas, onde se adoptará o ancho actual de 2,50 metros.
A intervención completarase coa execución de muros de contención na zona leste e na marxe dereita da vía á igrexa, coa reposición do firme e da sinalización e coa colocación das defensas necesarias na estrada tras a execución das obras.
Ademais, reporanse todos os servizos de electricidade, telefonía, abastecemento, pluviais fecais e alumeado que se vexan afectados polas obras.
A execución das obras proxectada permitirá manter os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita coma na esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta.
Coa fin de incrementar a seguridade peonil, tamén se vai habilitar un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 metros da glorieta. Reforzarase así a seguridade dos veciños que realicen os seus desprazamentos a pé, tendo en conta que os peóns son usuarios vulnerables das estradas.
Esta actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez súmase á xa realizada nesta estrada en Portosín, para a eliminación do treito de concentración de accidentes na que tamén se construíu unha nova rotonda. Polo tanto, resulta un investimento conxunto da Xunta superior aos 800.000 euros para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños de Porto do Son.