A conselleira do Mar participou na toma de mostras para realizar as analíticas que garanten a extracción do mexillón

Galicia realiza 10.000 análises anuais de biotoxinas que garanten a venda e o consumo seguro de mexillón

Rosa Quintana sinalou que os estritos controis do Intecmar garanten a seguridade alimentaria dos moluscos e que o labor do centro foi clave durante o estado de alarma causado pola covid-19, pois as súas funcións declaradas esenciais contribuíron ao abastecemento de moluscos con todas as garantías hixiénico-sanitarias

Os datos do Intecmar constatan que entre os anos 1998 e 2020 as biotoxinas lipofílicas causaron a maior parte dos peches de polígonos de bateas de mexillón cunha media de afectación de máis do 25% do ano e que a ría de Arousa foi a menos afectada

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia do labor do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) no seguimento da extracción de mexillón en Galicia. Nesta liña sinalou que o centro dependente da Consellería do Mar realiza 10.000 analíticas anuais de biotoxinas que permiten a venda e o consumo de arredor de 250.000 toneladas de mexillón con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

Así o destacou en Vilagarcía de Arousa, onde participou desde a embarcación Os Loureiros na toma de mostras para as analíticas que aseguran a extracción deste recurso. Alí tamén explicou que o Intecmar realiza preto de 2.000 informes previos á extracción e máis de 300 resolucións anuais de prohibición ou autorización de extracción de moluscos nas zonas de produción, a maioría delas relacionadas co control das biotoxinas.

Nesta liña lembrou que a existencia das especies de fitoplancto tóxico é un fenómeno natural, xa que ten a súa orixe na riqueza fitoplanctónica das augas e repítese na maior parte das zonas de produción de moluscos bivalvos do planeta.

Ademais a titular de Mar puxo en valor os estritos controis que realiza Galicia nesta materia, pois o Intecmar identifica os distintos tipos de biotoxinas mariñas que existen e a súa presenza por zonas e con base a ese traballo de control establece os peches de zonas de produción afectadas por este fenómeno para protexer a saúde pública e a calidade dos moluscos bivalvos.

Este labor de control de Galicia, subliñou, garante a seguridade alimentaria dos moluscos como o mexillón e evita que estes episodios paralicen a produción galega coa división das zonas de produción en subzonas de menor tamaño e un elevado número de puntos de seguimento.

Ademais destacou a utilidade da páxina web do Intecmar pois coa publicación da situación das zonas de produción contribúe a crear confianza no consumidor para que siga comprando mexillón galego durante todo o ano. De feito, o labor deste centro foi clave durante a declaración do estado de alarma causado pola covid-19, pois as súas funcións declaradas esenciais contribuíron ao abastecemento de moluscos, fundamentalmente mexillón, con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

Seguimento

En relación cos períodos de prohibición de extracción de mexillón das bateas, segundo constatan os datos dos que dispón o Intecmar e que son froito dese labor de seguimento, entre os anos 1998 e 2020 as biotoxinas lipofílicas son as que causaron a maior parte dos peches e a media de afectación abarca máis do 25% do ano. Ademais reflicten que en todas as rías os polígonos de bateas situados máis ao exterior son os que tiveron un maior número de días de peche. Por zonas, a ría de Pontevedra é a que rexistra máis períodos de prohibición da extracción como consecuencia desta biotoxina e a ría de Arousa foi a menos afectada.

No caso da biotoxina PSP (paralizante) a media de afectación no período 1998-2020 abarca o 1,5% do ano. A zona na que menos influíu foi a ría de Arousa e a de Pontevedra a que rexistrou máis días de peche de polígonos de mexillón. En canto á biotoxina ASP (amnésica), a súa afectación media supón o 1% do ano. En relación coas zonas, a menos afectada por este tipo de biotoxina tamén foi a ría de Arousa e as que apuntaron máis días de prohibición de extracción foron as rías de Muros e Noia e Ares-Betanzos.

O Intecmar

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia foi creado en 2004 como instrumento oficial da comunidade autónoma galega para o control da calidade do medio mariño, contribuíndo á súa protección e mellora, e para a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar. Nese momento asumiu as competencias, o persoal e as instalacións do antigo Centro de Control do Medio Mariño (CCMM) e ampliou as súas funcións. Na actualidade conta con 3.600 metros cadrados de instalacións nas cales prestan servizo 87 empregados públicos.

A súa actividade céntrase en facer o seguimento, o control e a investigación da calidade ambiental das augas costeiras de Galicia, especialmente no que se refire ás condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, contaminación química -metais pesados, compostos organoclorados e hidrocarburos- microbioloxía e patoloxía.

Imaxes relacionadas