O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou a explotación Horticina e outras instalacións de Bio Fruit Farmers

A Xunta aposta pola innovación e a sustentabilidade no sector primario mediante cultivos en auxe como os arandos de produción ecolóxica

José Balseiros destacou que Bio Fruit Farmers conta coa maior parcela de arandos do norte da península e está en proceso de adquisición de novos predios para converterse en líder do Estado en bagas orgánicas, así como no maior produtor de kiwi de España

Así mesmo, a firma tamén persegue dedicarse á produción de oliveira autóctona para fabricar aceite ecolóxico de proximidade

Nesa liña apunta -segundo recalcou- a Lei de recuperación da terra, que contempla mecanismos como os polígonos agroforestais para aumentar tanto a base territorial como a rendibilidade das explotacións ou -neste caso- das empresas agroalimentarias

Ao tempo, resaltou que o Goberno galego sempre apoiará as producións en ecolóxico ou ao abeiro de selos de calidade porque non só contribúen -dixo- a xerar riqueza no noso rural, senón tamén a coidar a contorna avogando por prácticas sostibles

Cerdido (A Coruña), 18 de agosto de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, apostou hoxe pola innovación e a sustentabilidade para xerar riqueza e crear postos de traballo no noso rural. Así o dixo durante a súa visita á explotación Horticina de Bio Fruit Farmers, emprazada en Cerdido e destacada por albergar a maior parcela de arandos do norte da península. Posteriormente, tamén se desprazou á planta de envasado da empresa e ao centro de procesamento de bagas que ten en construción nas Somozas.

Na visita, o director xeral enxalzou iniciativas pioneiras coma esta, que avogan por unha produción en auxe apuntando a converterse en líderes no mercado. Nesa liña, cabe apuntar que Bio Fruit Farmers conta actualmente con máis de 100 hectáreas con distintas variedades de arandos, cuxa produción representa o 60% do mercado de bagas do norte de España. Nos próximos anos ten previsto aumentar a superficie de cultivo para erixirse como o maior produtor do Estado de bagas orgánicas -acadando as 500 hectáreas de plantación- e tamén no meirande produtor de kiwi do país, con outras 500 ha. Así mesmo, esta firma tamén persegue cultivar oliveira autóctona nunha ampla extensión de terreo en Galicia, co obxectivo de fabricar aceite ecolóxico de proximidade.

Nese senso, José Balseiros gabou a posta en valor do solo agrario levada a cabo por Bio Fruit Farmers e a que prevé aínda realizar ao abeiro da Lei de recuperación da terra, que avoga por mecanismos de mobilización como os polígonos agroforestais para aumentar a base territorial e, en consecuencia, a rendibilidade tanto das explotacións como das empresas agroalimentarias que dependen desa maior superficie de cultivo.

Por último, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias quixo sinalar que a Xunta sempre apoiará as producións en ecolóxico ou de produtos de proximidade acollidos a selos de calidade. Nesa dirección, aseverou que non son só unha aposta segura a prol da xeración de riqueza e da creación de postos de traballo no noso rural, senón tamén a escolla idónea para coidar a contorna avogando por prácticas sostibles e respectuosas co medio, baixo criterios de rendibilidade económica, social e ambiental.

Imaxes relacionadas