A Xunta achega o programa `Coñece Galicia´ a Sanxenxo coa posta en marcha do minicampamento `Natura II´

O delegado territorial, Luis López, asiste ás actividades vespertinas da primeira xornada no xacemento arqueolóxico da Lanzada

Unha vintena de rapaces participan nesta iniciativa de conciliación durante toda a semana cun programa centrado no coñecemento do medio natural e mariño

A Dirección Xeral de Xuventude oferta case 8.000 prazas na campaña de verán 2021 e nas mesmas inclúense 180 de minicampamentos con nove quendas para a provincia

“Temos unha campaña estival moi completa para a mocidade que busca misturar a formación, o lecer e a conciliación das familias en todo o territorio”, sinala Luis López
 

Sanxenxo, 17 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a achegar o programa Coñece Galicia ao Concello de Sanxenxo coa posta en marcha do minicampamento Natura II, que se desenvolverá ao longo desta semana con actividades centradas no coñecemento do medio natural e mariño.

Con motivo do arranque desta iniciativa xuvenil, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistíu esta tarde ás primeiras actividades que están a celebrar os vinte participantes e que, nesta estrea, están a ter lugar no xacemento arqueolóxico da Lanzada, na parroquia de Noalla.

“Temos unha campaña estival moi completa para a mocidade galega, na que ademais nos esforzamos coma nunca para tratar de que recuperen a súa vida social tras as restriccións máis duras da pandemia, e por iso dende a Xunta deseñamos numerosas iniciativas de esparcemento que buscan misturar a formación, o lecer e a conciliación das familias en todo o territorio”, sinalou o representante autonómico.

O minicampamento Natura II ten un formato despregado en cinco xornadas consecutivas que inclúen manutención, aloxamento e programa de actividades empregando como sede un aloxamento turístico que, neste caso, é o Hotel Con D´Arbón. Ademais, a inscrición conta con descontos para os participantes que pertenzan a familias numerosas ou monoparentais ou que teñan activo o Carné Xove.

Esta quenda –unha das catro que se desenvolven en Sanxenxo ao longo deste verán– conta coa participación de vinte nenas e nenos de 10 a 14 anos que gozarán de actividades como mergullo, coñecemento de especies mariñas autóctonas, orientación, paddle surf, obradoiros de reciclaxe, xogos deportivos, bodyboard ou visitas e enclaves de interese.

8.000 prazas na Campaña de Verán

A Dirección Xeral de Xuventude, pertencente á Consellería de Política Social, organizou este ano unha campaña estival denominada O Verán Que Mereces, que conta con case 8.000 prazas entre campamentos e minicampamentos, orientados aos máis cativos e que buscan favorecer a conciliación, e campos de voluntariado, centrados nos mozos de maior idade e que pretenden favorecer a interacción social e valores como a solidariedade e o compañeirismo, entre outros.

Dentro desta campaña de verán enmárcase o programa Coñece Galicia, que alcanza as 600 prazas en toda a comunidade e 180 na provincia de Pontevedra, distribuídas en nove quendas de minicampamentos entre os meses de xullo e agosto nas localidades de Sanxenxo, Lalín, Bueu e Covelo.

Imaxes relacionadas