A Xunta achega o programa `Coñece Galicia´ a Lalín coa posta en marcha do minicampamento 'O noso rural II’

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, José Crespo, asiste ás actividades da primeira xornada no Museo Casa do Patrón
Unha vintena de rapaces participan nesta iniciativa de conciliación durante toda a semana cun programa centrado na aventura e a inmersión no medio rural

A Dirección Xeral de Xuventude oferta case 8.000 prazas na campaña de verán 2021 e nas mesmas inclúense 180 de minicampamentos con nove quendas para a provincia

“Temos unha campaña estival moi completa para a mocidade que busca misturar a formación, o lecer e a conciliación das familias en todo o territorio”, sinala Luis López

Lalín, 17 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a achegar o programa Coñece Galicia ao Concello de Lalín coa posta en marcha do minicampamento O Noso Rural II, que se desenvolverá ao longo desta semana con actividades centradas na aventura e na inmersión no medio rural.

Con motivo do arranque desta iniciativa xuvenil, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Lalín, José Crespo, asistiron esta mañá ás primeiras actividades que están a celebrar os vinte participantes e que, nesta estrea, están a ter lugar no Museo Casa do Patrón.

“Temos unha campaña estival moi completa para a mocidade galega, na que ademais nos esforzamos coma nunca para tratar de que recuperen a súa vida social tras as restriccións máis duras da pandemia, e por iso dende a Xunta deseñamos numerosas iniciativas de esparcemento que buscan misturar a formación, o lecer e a conciliación das familias en todo o territorio”, sinalou o representante autonómico.

O minicampamento O Noso Rural II ten un formato despregado en cinco xornadas consecutivas que inclúen manutención, aloxamento e programa de actividades empregando como sede un aloxamento turístico que, neste caso, é o Hotel Norat Torre do Deza. Ademais, a inscrición conta con descontos para os participantes que pertenzan a familias numerosas ou monoparentais ou que teñan activo o Carné Xove.

Esta quenda conta, como é habitual, coa participación de vinte nenas e nenos de 10 a 14 anos que gozarán de actividades como tiro con arco, sendeirismo, orientación, rastrexo, kaiak no rio Arnego, escalada, rappel, tirolina e visitas a enclaves rurais e etnográficos como Casa do Patrón.

8.000 prazas na Campaña de Verán

A Dirección Xeral de Xuventude, pertencente á Consellería de Política Social, organizou este ano unha campaña estival denominada O Verán Que Mereces, que conta con case 8.000 prazas entre campamentos e minicampamentos, orientados aos máis cativos e que buscan favorecer a conciliación, e campos de voluntariado, centrados nos mozos de maior idade e que pretenden favorecer a interacción social e valores como a solidariedade e o compañeirismo, entre outros.

Dentro desta campaña de verán enmárcase o programa Coñece Galicia, que alcanza as 600 prazas en toda a comunidade e 180 na provincia de Pontevedra, distribuídas en nove quendas de minicampamentos entre os meses de xullo e agosto nas localidades de Lalín, Sanxenxo, Bueu e Covelo.

Imaxes relacionadas