A Xunta duplica ata os 105.600€ as axudas a intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

O Diario Oficial de Galicia publica a ampliación de crédito -inicialmente dotado con 50.000 euros- para este tipo de actuacións que reciben o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2021.- Ante a gran cantidade de solicitudes recibidas, a Xunta de Galicia vén de duplicar ata os 105.600 euros a contía orzamentaria de apoio aos particulares para a realización de intervencións arqueolóxicas requiridas para a realización de calquera tipo de obra que afecte a un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacemento catalogado ou inventariado, nos casos en que a Consellería de Cultura ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de intervención.

O obxectivo destas axudas habilitadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade é colaborar no financiamento do custo da execución do proxecto cando se trata dun promotor particular, tal e como establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia publica a ampliación de crédito por valor de 55.600€ que se engaden aos 50.000€ dotados inicialmente por parte Xunta para esta convocatoria, o que significa multiplicar por dous os recursos a disposición dos promotores particulares para este fin ata superar os 100.000 euros.

Imaxes relacionadas