A Xunta pon fin á tramitación ambiental do Plan especial do casco histórico de Corcubión

Acaba de emitir o informe no que indica que non é necesario someter o proxecto a avaliación ambiental estratéxica

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservou 100.000 euros á renovación e actualización do plan especial aprobado en 1991

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia pon fin á tramitación ambiental do Plan especial do casco histórico de Corcubión, despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitise o informe ambiental estratéxico.

Tal e como se indica no informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que segundo o anuncio publicado hoxe no DOG xa se pode consultar na páxina da Consellería, non se esperan efectos ambientais significativos, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica.

Non obstante, sinálase que o Plan especial deberá incluír as consideracións feitas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a necesidade de contar cun exhaustivo traballo de campo que permita dispoñer dunha información completa e precisa sobre todos os bens dentro do ámbito do plan especial, indicando a lexislación vixente que lle afecta ou os niveis de protección.

Tamén se indica que deberá incluír un estudo sobre os tendidos de cable dentro do casco histórico e procurará dar solucións para reducir ao máximo o seu impacto, así como un estudo de paisaxe.

Cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservou un total de 100.000 euros, o 100% dos orzamento necesario, para acometer a revisión do Plan especial de protección e ordenación do casco histórico (Pepoch) de Corcubión, que en 1991 foi o primeiro concello galego en dotarse dun instrumento deste tipo.

O Goberno galego salienta que estes instrumentos de protección son fundamentais para conservar os cascos históricos, a través do impulso dunha serie de medidas, actuacións e axudas en materia de vivenda nestas zonas.