A Xunta somete a información pública a mellora da estrada PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto, en Ponte Caldelas, que suporá un investimento de máis de 1M€

O prazo de presentación de alegacións estenderase durante 30 días hábiles a contar dende mañá

Esta nova actuación na vía autonómica centrarase na mellora do trazado e na ampliación da calzada, ata os 7 metros de ancho, así como no acondicionamento das interseccións

A intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez completará o acondicionamento desta vía que une os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, cuxas obras foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25M€

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora da estrada PO-234, entre Laxoso e o cruce de Portasouto, en Ponte Caldelas. A actuación deseñada suporá un investimento autonómico de máis de 1 millóns de euros.

O DOG, simultaneamente ao trámite de información pública, recolle a efectos expropiatorios a relación de predios necesarios para executar o novo proxecto de acondicionamento deste tramo da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150.

O período de presentación de alegacións estenderase durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3jMphMX

Os traballos neste tramo centraranse na mellora do trazado e na ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho.

Tamén se actuará nas interseccións e se executarán cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal. Ademais reporanse a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.

Con esta actuación o departamento que dirixe Ethel Vázquez completará o acondicionamento desta estrada que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25M€.

Cómpre lembrar que a execución da mellora desta vía se dividiu en tres fases. Neste sentido, xa está a disposición dos veciños o tramo entre o Cruce de Portasouto e Aguasantas, e tamén están acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.