A Xunta colabora na conservación e posta en valor da olería tradicional no VII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará este sábado nunha mesa de debate sobre o Pasado, presente e futuro da olería, que terá lugar no Museo da Olería de Niñodaguia no marco deste evento

O encontro, que se celebra desde mañá e ata o domingo en Xunqueira de Espadanedo, conta coa participación de cinco oleiros de Artesanía de Galicia e un procedente de Portuga

Inclúe demostracións, visitas guiadas ao Museo da Olería e unha exposición de fotografías de José Suárez

Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 12 de agosto de 2021

A localidade de Xunqueira de Espadanedo converterase un ano máis no centro da olería tradicional coa celebración do VII Encontro de Cacharreiros, que arrinca mañá venres e se celebra durante toda a fin de semana no Museo da Olería de Niñodaguia. Un evento que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, no seu afán de impulsar a divulgación e posta en valor dos oficios artesanais e fomentar o relevo xeracional.

Co obxectivo de achegarlle á sociedade o oficio e os diferentes tipos de olería que se fan en Galicia, o programa de actividades inclúe demostracións de distintos profesionais para grupos reducidos –tanto para público infantil como adulto–; visitas guiadas ao Museo da Olería; un espectáculo de Danza dos fornos; e unha exposición de fotografías de José Suárez, que estará aberta ata o 17 de outubro.

A programación inclúe ademais a mesa de debate Pasado, presente e futuro da olería, na que participará este sábado a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

O evento contará coas obras de Agustín Vázquez e Enrique Cabanas, representando o centro oleiro de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo); os ceramistas Antón Román (Gondomar) e Susana González (A Coruña); o telleiro José Álvarez O Buraco (O Rosal); o ceramista Carlos San Claudio (Vigo); e o artesán Carlos Lima como representante da olería portuguesa (Tondela, Portugal).