A Xunta abre a selección para o posto de coordinación de Música e Danza da Axencia de Industrias Culturais

Mañá publícanse no DOG as bases do proceso de provisión desta praza que, entre outras funcións, se encargará da promoción e o fomento destes dous ámbitos culturais e da dirección do Centro Coreográfico Galego

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia publica mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria e as bases do procedemento de selección para o posto de coordinación do Departamento de Música e Danza da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Trátase dunha praza de persoal directivo que, entre outras tarefas, encargarase de desenvolver as accións necesarias para a promoción e o fomento da música e da danza en Galicia e da dirección do Centro Coreográfico Galego, así como de impulsar as relacións entre os distintos axentes culturais nestes sectores e as alianzas con outras entidades de fóra da Comunidade.

As persoas candidatas deberán reunir os requisitos relacionados, ademais de achegar un currículum vitae pormenorizado para a avaliación dos méritos relativos á súa formación, traxectoria e experiencia na xestión en institucións públicas ou privadas dentro destes ámbitos. Debe presentar, así mesmo, unha proposta de liñas de actuación a alcanzar e desenvolver polo Departamento.

As bases especifican tanto os requisitos en canto á nacionalidade, residencia, idade, titulación universitaria ou dominio do idioma galego, como o baremo dos méritos e as diferentes fases en que consiste este proceso de provisión. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte da publicación do anuncio no DOG.

O de Música e Danza é un dos novos departamentos da Agadic, creados a partir da recente modificación do seu Estatuto, segundo o que lle corresponde o desenvolvemento, promoción e impulso do fomento nestes dous ámbitos artísticos. Nel recaerá, así mesmo, a execución do Plan Integral para a Danza, actualmente en elaboración nun proceso participativo que busca darlles resposta aos principais retos deste sector, da man dos seus profesionais e de xeito compartido e transparente.