O conselleiro de Sanidade considera “decepcionante” o reparto de vacinas por parte do Goberno central, que suporá ralentizar a inmunización da poboación galega
Julio García Comesaña anuncia que, polo de agora, non se poderán abrir máis ocos para autocitas
Sobre a reducción da metade das doses previstas de Moderna, o conselleiro subliña que se reprograman as primeiras doses para poder garantir as segundas a quen xa lle corresponden
Lamenta que Galicia terá que ralentizar o ritmo de vacinación
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, amosouse hoxe decepcionado ao constatarse que a nosa Comunidade Autónoma non vai recibir nin unha soa das 3,4 millóns de doses extra anunciadas a semana pasada polo presidente do Goberno.
Tal e como sinalou o máximo responsable sanitario da Xunta, Galicia é unha das comunidades que máis e mellor leva vacinado. Así, foi quen poñer todas as vacinas que foron chegando, xa que compre recordar, -remarcou García Comesaña-, que son as comunidades autónomas as que organizan toda a campaña e as que poñen as vacinas.
A nosa comunidade sempre estivo nos primeiros lugares tanto en doses administradas respecto ás recibidas, e no número de vacinas postas en poboación maior dunha certa idade. Neste senso, na actualidade, Galicia é das primeiras comunidades en poboación maior de 40 anos coa pauta completa. É dicir, ten uns niveis de vacinación francamente bos, -destacou García Comesaña-. Estes niveis, son froito do traballo do grupo de profesionais que fan este proceso, así como da poboación que acode de xeito masivo ás convocatorias, -remarcou o responsable da Consellería de Sanidade-.
Neste contexto, e cando España recibe unhas doses extras por esa eficiencia, sendo Galicia unha das comunidades que máis está a contribuír a ese logro, descubrimos tarde e mal, -dixo o conselleiro-, que Galicia non recibirá ningunha desas 3,4 millóns de doses anunciadas por Pedro Sánchez a semana pasada.
Reprogramación
Galicia terá, este mes de agosto, menos doses das que tivo en xuño e en xullo, “o que non é de recibo”. As consecuencias son evidentes, porque ademais da mala noticia de que Galicia non recibirá nada desta partida “extra”, hai que salientar que, nesta semana e a seguinte, o envío de viais de Moderna se reduce un 50%, o que significa que,
“non podemos administrar esas primeiras doses, posto que debemos garantir as segundas, que xa corresponden por tempo”. “A estas persoas se lles administrará Pzifer, grazas á reserva estratéxica que fai a nosa Comunidade”.
Polo demais, “estivemos a traballar para poder manter o resto das citas da semana que vén, o que non poderemos é facer o envío previsto dun número importante de SMS para novas citas, nin tampouco, polo momento, abrir mais ocos para autocitas”