Máis de 200 mozos galegos xa solicitaron unha axuda para comprar unha vivenda nun concello de menos de 5.000 habitantes

Esta liña de incentivos, pola que se pode acceder a unha subvención de 10.800 euros, segue aberta ata o 1 de setembro

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa recibiu máis de 200 solicitudes de mozos galegos para acceder a unha axuda do programa para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos. A convocatoria deste ano, que segue aberta ata o 1 de setembro, conta cun orzamento de 800.000 euros.

Así, todas as persoas que desexen acollerse a esta programa poderán adquirir unha vivenda que terá que estar xa construída —sexa nova ou usada— e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.

Grazas a este programa facilítase o acceso á unha primeira vivenda en propiedade á xente nova, ao tempo que se contribúe ao asentamento da mocidade en concellos menos poboados e de áreas rurais.

O Goberno galego recorda que, só a través da convocatoria do ano pasado, o IGVS axudou a 120 galegos de menos de 35 anos na compra da súa vivenda habitual, unha cifra á que hai que sumar as 221 subvencións concedidas ao abeiro das dúas ordes anteriores. En total, xa son máis de 340 os mozos e mozas galegos que desde 2018 puideron ter este apoio económico da Xunta para formar o seu fogar.

Este é, precisamente, un dos obxectivos do Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por dez entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.

Imaxes relacionadas