Galicia non recibirá ningunha das vacinas de Pfizer prometidas por Pedro Sánchez

Galicia queda sen ningunha das 3,4 millóns de doses de Pfizer anunciadas polo presidente do Goberno, penalizando así a unha das comunidades autónomas que máis rápido vacina á súa poboación

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vese obrigada a reprogramar a vacinación da semana que vén, tras comunicarlle o Goberno central que só recibirá a metade das doses de Moderna comprometidas e ningún dos viais de Pzifer que anunciara o presidente do Goberno. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, non entende porque se penaliza a Galicia, unha das comunidades autónomas que máis rápido está a vacinar.

Segundo a información remitida polo Ministerio de Sanidade á Xunta de Galicia, as doses de Moderna se reducen á metade e argumentan que se compensan con 8.700 doses de Pzifer, o que obriga, unha vez máis, a reprogramar o operativo para garantir a segunda administración da vacina de Moderna a moitos cidadáns galegos. A isto hai que engadirlle a confirmación de que Galicia non recibirá ningunha dos viais anunciados polo presidente do Goberno a semana pasada.

Este anuncio prodúcese unhas horas despois de que o conselleiro de Sanidade remitira unha carta á ministra de Sanidade, Carolina Darias, exisindo información puntual e clara sobre o reparto de vacinas, para poder programar e seguir inmunizando á nosa poboación.

Así mesmo, o conselleiro refería na misiva que “sería, tamén, un bo momento para incorporar esa información a un informe completo, que non tivemos desde o inicio do proceso, sobre os criterios que se foron aplicando nas sucesivas reparticións ata hoxe”.

Criterios de repartición

Para o conselleiro, “na repartición destas novas doses debe seguir contemplándose o criterio de poboación diana que se nos dixo que se fixou desde un comezo, tendo en conta, tamén, outros factores como o número de casos positivos que tivo cada comunidade autónoma, e que, por tanto, requiren unha dose menos para recibir a pauta completa”.

Considera, así mesmo, o máximo responsable galego, que no axuste debe considerarse, igualmente, os positivos que se teñen dado en cada comunidade, pois, no caso dos menores de 65 anos, so precisan dunha dose e non de dúas, tal e como figura na propia estratexia de vacunación.

A Xunta de Galicia confía en que o Goberno rectifique esta decisión unilateral e non comunicada ata onte mesmo, unha semana despois do anuncio do presidente Pedro Sánchez.

Imaxes relacionadas