As familias numerosas xa poden rexistrarse na web da concesionaria das autoestradas autonómicas para beneficiarse das bonificacións que entrarán en vigor a vindeira semana
A unidade familiar, que deberá estar en posesión dun título de familia numerosa en vigor, deberá cubrir a solicitude de alta na páxina web www.autoestradas.com
A Xunta implantará descontos nas autoestradas autonómicas dirixidos a case 27.000 familias numerosas, prevéndose bonificacións en máis de 80.000 viaxes ao ano
Bonificarase o 100% da volta ás familias numerosas nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57)
Os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno
As familias numerosas galegas xa poden rexistrarse dende hoxe na páxina web da concesionaria das autoestradas autonómicas para beneficiarse das bonificacións que entrarán en vigor a vindeira semana.
A unidade familiar, que deberá estar en posesión dun título de familia numerosa en vigor, deberá cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria: www.autoestradas.com.
Cómpre lembrar que a Xunta implantará a mediados de agosto novos descontos nas autoestradas autonómicas, dirixidos ás case 27.000 familias numerosas que hai en Galicia, prevéndose bonificacións a máis de 80.000 viaxes ao ano.
Trátase da bonificación do 100% da viaxe de volta ás familias numerosas nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57).
Estes descontos permitirán que unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 pague só 2,55 €, fronte aos 5,10 € actuais, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis.
Os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, o membro dunha familia numerosa que se desprace ás 5,30 da madrugada e regrese ás 15,00 horas, pagará ida e volta entre A Coruña e Carballo 1,30 €, xa que á bonificación por familia numerosa do 100% da volta, suma o desconto do 50% na ida en horario nocturno.
O sistema vinculará cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.
A activación desta nova bonificación leva aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e lectura da matrícula asociada á familia.
As autoestradas autonómicas xa son das máis baratas de España, pero aínda así a Xunta vén de autorizar, ademais das bonificacións ás familias numerosas, a extensión ás 24 horas posteriores á viaxe de ida os descontos aos usuarios recorrentes -do 25% na volta e do 50% na segunda volta-, que ata agora se aplicaban no mesmo día.