A Xunta reparte case 260.000 euros entre 13 concellos das reservas da biosfera lucenses para apoialos na mellora do patrimonio natural

O DOG recolle hoxe a resolución da terceira convocatoria que se realiza deste programa de incentivos, con boa acollida entre as entidades locais, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible

Nas reservas da provincia de Lugo —Os Ancares Lucenses; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Terras do Miño—, levaranse a cabo 13 actuacións para enriquecer as condicións medioambientais e paisaxísticas

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede un total de 13 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 260.000 euros, para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nas tres reservas da biosfera da provincia de Lugo: Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Terras do Miño.

Tal e como adiantou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución cos resultados da terceira convocatoria deste programa de axudas, a de 2021, que no conxunto das seis reservas declaradas na Comunidade se resume na concesión de 27 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 600.000 euros.

Un total de 13 deses municipios teñen parte do seu territorio nunha das tres reservas da biosfera lucenses e beneficiaranse dunha subvención para enriquecer as condicións medioambientais e paisaxísticas

No caso concreto da reserva dos Ancares Lucenses, os concellos beneficiarios foron Navia de Suarna e Becerreá, que recibirán máis de 55.000 euros para a colocación de paneis informativos sobre o patrimonio natural do municipio, no caso de Navia de Suarna, e para o acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo, en Becerreá.

Un total de cinco dos municipios que conforman a parte galega da reserva Río Eo, Oscos e Terras do Burón, xa que comparte terreos co Principado de Asturias, recibirán outras tantas subvencións, cun importe global de 77.888 euros. Os beneficiarios son Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Trabada e Ribadeo. Grazas a estes incentivos da Xunta, levaranse a cabo actuacións de mellora e acondicionamento nas sendas, roteiros e praias; así como a recuperación dun muíño de roda horizontal en Negueira de Muñiz.

Por último, a reserva Terras do Miño absorbe case o 50% do orzamento que se concede na provincia, cunha axuda total de 125.127 euros para repartir entre os concellos de Castroverde, Outeiro de Rei, Alfoz, Cospeito, Guntín e O Páramo. Grazas a estas subvencións levaranse a cabo proxectos como a mellora do centro de interpretación da Lagoa de Cospeito ou a adecuación da casa-escola do Pereiro, en Alfoz, como centro de interpretación da natureza.

A Consellería de Medio Ambiente destaca o éxito deste programa de axudas, que espertou interese entre os concellos, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible. Os resultados da convocatoria de 2021 incrementan os logros xa obtidos nas dúas anteriores —2019 e 2020—, grazas as cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros. É dicir, a Xunta mobilizou en tres anos algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos.

Asemade, lembra que Galicia é a terceira comunidade que máis recursos obterá dos fondos europeos de recuperación, polo que convida aos concellos integrados nunha reserva da biosfera a optar a unha axuda da partida de 6,4 millóns de euros.

Resumo das axudas de 2021 ás reservas da biosfera da provincia de Lugo

Os Ancares Lucenses (2 concellos / 55.878,48 €)

Navia de Suarna
27.089,03 €
Realización e colocación de paneis informativos
Becerreá
28.789,45 €

Acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo

Río Eo, Oscos e Terras de Burón (5 concellos / 77.888,80 €)
Negueira de Muñiz
29.999,62 €

Rehabilitación de muíño de roda horizontal na Seira

A Fonsagrada
17.560,35 €
Acondicionamento e mellora dos sendeiros da reserva
Ribadeo
4.447,51 €
Mellora ambiental das praias
Ribeira de Piquín
12.000 €

Realización dun inventario do patrimonio inmaterial de transmisión oral con especial fincapé nos valores tradicionais

Trabada
14.950 €

Realización dun estudo sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna

Terras do Miño (6 concellos / 125.827,42 €)
Castroverde
20.288,73 €

Mellora da diversidade florística na Veiga do Olmo

Outeiro de Rei
28.333,33 €

Actuacións de mellora na ruta Miradoiro da Terra Chá

Alfoz
25.665 €

Mellora e adecuación da casa-escola do Pereiro como centro de interpretación da natureza

Cospeito
12.484,96 €
Mellora do centro de interpretación da Lagoa
Guntín
26.734,56 €
Acondicionamento da ruta do Miño
O Páramo
12.320,84 €
Ruta da torre medieval da Barreira


 

Imaxes relacionadas