A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o campamento afincado nos Peares

Política Social destaca o valor da aprendizaxe do inglés a través de actividades ao aire libre

Realizan actividades como kaiak, bodyboard, ou sendeirismo, combinado con xogos de interpretación, recreacións teatrais, entre outras

Ademais, a directora xeral visitou o campo de voluntariado Castro e Romaría de San Lourenzo na Pobra do Brollón, centrado no coidado, a limpeza e a consolidación das diferentes estruturas arqueolóxicas

Carballedo (Lugo), 5 de agosto 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o campamento de aventuras dos Peares Adventure Camp onde o deporte, a natureza e o inglés son os eixos sobre os que se desenvolven as actividades que alí se realizan. Pichel destacou a importancia que teñen estes programas de ocio, cos que se pretende fomentar o lecer educativo, saudable e seguro da xuventude galega. Ademais, subliñou o valor engadido que ten a aprendizaxe dun idioma estranxeiro como é o inglés e a través de actividades relacionadas co medio ambiente.

Neste campamento lévanse a cabo actividades acuáticas como kaiak, bodyboard, ou sendeirismo, combinado con xogos de interpretación, recreacións teatrais, entre outras actividades. Os nenos e nenas que participan teñen entre 12 e 15 anos e están na cuarta quenda deste campamento, que rematará o próximo 8 de agosto.

Arqueoloxía e medio ambiente na Pobra do Brollón

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, tamén visitou o campo de voluntariado Castro e Romaría de San Lourenzo centrado no coidado, a limpeza e a consolidación das diferentes estruturas arqueolóxicas e no que se busca involucrar a un grupo de 12 persoas nunha pequena comunidade rural para axudar na posta en valor do seu castro.

Ademais das actividades medioambientais tamén se levarán a cabo visitas guiadas a outros lugares arqueolóxicos da zona, como por exemplo Vilachá ou Repil, coñecerán lugares de interese da contorna como a Cova das Choias, Ecomuseo de Arxeriz ou Monforte e realizarán actividades deportivas como kaiaks na Ribeira Sacra.

Cristina Pichel puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades que se levan a cabo a través das propostas estivais organizadas pola Xunta de Galicia, que teñen como finalidade a conservación do medio ambiente e que axudan a revalorizar a riqueza natural da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas