A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou Cambre, onde fixo un balance da convocatoria

A Xunta reparte 600.000 euros entre 27 concellos para apoialos na mellora do patrimonio natural das seis reservas da biosfera de Galicia

Trátase da terceira convocatoria que se realiza deste programa de incentivos, con boa acollida entre as entidades locais, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible

Na Reserva das Mariñas Coruñesas levaranse a cabo cinco actuacións en Cambre, Miño, Coirós, Paderne e Curtis que suman un orzamento de case 100.000 euros

“Estamos a falar, nos tres anos que levamos con este programa, de algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos”, subliña Ángeles Vázquez

Cambre (A Coruña), 5 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede un total de 27 axudas a outros tantos concellos por un importe de case 600.000 euros para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nas seis reservas da biosfera de Galicia.

A conselleira, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá en Cambre os resultados da terceira convocatoria deste programa de axudas, a de 2021, que mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia. ”Sen dúbida, espertou interese entre os concellos, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible”, salientou, despois de manter unha reunión co alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e co alcalde de Abegondo e presidente da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso.

En definitiva, 27 administracións locais teñen o apoio do Goberno galego para a restauración de ecosistemas naturais ou eliminación de especies exóticas invasoras nas reservas galegas: Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Xurés-Gerês; Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Un total de seis ás que se pode sumar unha sétima, a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, que previsiblemente obterá a declaración definitiva a finais deste verán.

A conselleira aproveitou a súa presenza en Cambre, un dos concellos beneficiados polas axudas, para lembrar que se trata dun dos 17 que conforman a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas, a primeira de España en canto ao número de habitantes e un espazo natural que abarca máis de 115.000 hectáreas.

Neste sentido, indicou que Cambre, que obtivo unha subvención de case 20.000 euros para un proxecto de conservación da fauna e flora, non foi o único municipio desta reserva en acceder a estas axudas, xa que outros catro tamén resultaron beneficiarios dunha subvención: Miño, para a mellora das condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas na senda do río Xarío; Coirós, para a mellora da ruta Ríos dos dous nomes, en Coirós; Paderne, para a creación e mellora dunha senda peonil; e Curtis, para unha campaña de concienciación e boas practicas ambientais. Así, nas Mariñas Coruñesas levaranse a cabo cinco proxectos que suman un orzamento de case 100.000 euros.

A conselleira destacou que os resultados desta convocatoria “incremente os logros xa obtidos nas dúas anteriores —2019 e 2020—, grazas as cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros. “Estamos a falar, nos tres anos que levamos con este programa, de algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos”, subliñou.

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que os concellos integrados nunha reserva da biosfera tamén poderá beneficiarse da partida de 6,4 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación.

Así, Galicia é a terceira comunidade que máis fondos obterá, grazas ao labor de intermediación da Xunta, que fixo unha petición expresa de incluír nese reparto á futura Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.

Por último, Ángeles Vázquez recordou que a Xunta, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), está a conmemorar este ano cun ciclo de conferencias o 50 aniversario da creación do programa MaB (Man and the Biosphere), posto en marcha pola Unesco en 1971 co fin de harmonizar a relación entre as persoas e o medio ambiente.

Imaxes relacionadas