A Xunta concede 150.000€ do FCA ao Concello de Forcarei para a modernización da potabilizadora, a adquisición dun tractor e gastos de tratamento do lixo

O delegado territorial, Luis López, anuncia esta concesión, a máis elevada da provincia de Pontevedra, nunha visita aos terreos da actual ETAP, na que se investirán 47.673€

Tamén se destinarán 71.995€ para a compra de maquinaria para roza e limpeza e 30.532€ para sufragar parte do servizo de xestión de residuos por parte de Sogama

"Estas actuacións enmárcanse na colaboración continua da Xunta cos concellos e permiten atender necesidades básicas para mellorar a calidade de vida dos forcaricenses", manifesta

Forcarei, 5 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de conceder 150.192 euros ao Concello de Forcarei ao abeiro da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do presente ano para diversas actuacións nesta materia, como a modernización da potabilizadora, a adquisición dun tractor e os gastos de tratamento do lixo.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, achegouse ata o municipio e visitou os terreos da actual Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) xunto á alcaldesa, Verónica Pichel, para anunciar o outorgamento desta partida, "que é a máis elevada do Fondo de Compensación Ambiental en toda a provincia de Pontevedra no marco do noso compromiso coa atención das necesidades básicas e a mellora da calidade de vida dos forcaricenses".

A achega do FCA 2021 ao Concello de Forcarei servirá para mercar un tractor destinado a labores de roza, limpeza e recollida de lixo que suporá un investimento de 71.995 euros e para sufragar os gastos de cinco mensualidades do tratamento e xestión de residuos por parte de Sogama, ás que se destinarán 30.523 euros.
A derradeira partida desta axuda, que ascende a 47.673 euros, orientarase á modernización da ETAP de Forcarei para conseguir que se garanta a salubridade da subministración de auga potable á poboación do casco urbano e das súas inmediacións, eliminando a materia orgánica da rede e a turbidez que adoita aparecer nas épocas de choiva durante o inverno.

Así, está previsto que se implante, grazas a esta achega, unha potabilizadora compacta con capacidade de tratamento de 30 metros cúbicos por hora e os correspondentes sistemas de instrumentación e control.

"Estas actuacións van ser unha realidade polo compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Forcarei, que se enmarca na política de colaboración continua que temos coas administracións locais e coas necesidades dos seus veciños", detallou Luis López, que lembrou que o municipio de Terra de Montes recibíu ao longo da última década axudas por máis de 2 millóns de euros por parte da Vicepresidencia primeira para a realización de investimentos.

Imaxes relacionadas