Preto dunha quincena de agricultores formáronse en materia de cultivos de verán na horta ecolóxica nun curso da Xunta

A acción formativa desenvolveuse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude

Ao longo das 46 horas de duración, os agricultores formáronse en diversos aspectos como a programación e implantación destes cultivos ou a súa comercialización

Especies e variedades de cultivos hortícolas de primavera-verán, a preparación do terreo e a planificación destas colleitas ou as súas infraestruturas de apoio foron algúns dos temas da programación
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de organizar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude un curso sobre cultivos de verán na horta ecolóxica que remata hoxe. Deste xeito, preto dunha quincena de agricultores formáronse en diversos aspectos como a programación e implantación destes cultivos ou a súa posterior comercialización.

Ao longo das 46 horas de duración, o programa abordou temas como as especies e variedades de cultivos hortícolas de primavera-verán, a preparación do terreo e a planificación destas colleitas, as súas infraestruturas de apoio ou a implantación e seguimento do cultivo. Así mesmo, tamén se trataron cuestións relacionadas coas pragas e enfermidades, como a súa identificación, estratexias e accións de control das mesmas, e a colleita e comercialización de produtos hortícolas ecolóxicos.

A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrario tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.
 

Imaxes relacionadas