A Xunta destina preto de 50.000 euros a reparar o muro da ponte de Pacios da Veiga, na Pobra do Brollón
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que no prazo aproximado de dúas semanas quedarán rematadas as obras, que reforzan a seguridade da estrutura
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a realizar obras de reparación no muro de acompañamento da ponte de Pacios da Veiga, na Pobra de Brollón, ás que destina 48.300 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos de reforzo da estrutura, que se prevé estean rematados no prazo aproximado de dúas semanas.
Esta ponte sobre o río Cabe forma parte da estrada autonómica LU-653 (que conecta a estación da Pobra do Brollón e Hospital do Incio) e recentemente detectouse un desprendemento puntual no muro situado na marxe esquerda do estribo que fixo necesaria a intervención.
Os traballos inclúen o baleirado do firme e do material do trasdós da parte danada, a execución do novo muro mediante pedra de mampostería grosa, o acondicionamento exterior cun acabado de mampostería vista acorde co resto do muro existente, o recheo do trasdós e a reposición do firme na ponte e nas súas inmediacións, así como dos elementos de defensa, sinalización e balizamento afectados.
Para a realizacións destes traballos é necesario o corte total de tráfico, desviando a circulación o tempo imprescindible por vías públicas; as modificacións están debidamente sinalizadas.