O Espazo Xove de Tui acolle a exposición ‘Xuventude crea. Máis dunha década’, que repasa os dez anos de vida deste programa

Este é o cuarto municipio galego que percorre a mostra, que xa estivo en Ribeira, Lalín e Vigo

Despois de Tui, no mes de setembro recalará en Pontevedra

Tui (Pontevedra), 3 de agosto de 2021

O Espazo Xove de Tui acolle desde hoxe a exposición Xuventude Crea. Máis dunha década, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes. A mostra, que ten carácter itinerante, confórmana diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis disciplinas diferentes que participaron nesta iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega.

A exhibición pódese ver cada mes nun lugar diferente. Na localidade pontevedresa poderá verse todo o mes de agosto no Espazo Xove e na Biblioteca municipal para o caso concreto dos graffitis. Son 12 as localizacións previstas, comezou en Ribeira, no mes de maio; Lalín, onde estivo en xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Pontevedra, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, estará en Santiago de Compostela todo o mes de decembro. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nos seus seguintes destinos: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.

Xuventude Crea 2021

No mes de xullo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as bases da nova convocatoria do programa Xuventude Crea. Desde o 12 de xullo e ata o 20 de agosto está aberto o prazo para enviar proxectos.

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Serán un total de 14 as categorías nas que poderán inscribirse, que abranguen desde a creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, videocreación, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza moderna. Cada unha destas especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; así como mencións de honra sen dotación económica.